Skip to main content

'Clic Xanela', un curso en liña para mellorar as fotografías desde o móbil

Do mesmo xeito, trátase de compartir ferramentas que permitan aproveitar esta época de obrigado confinamento pola crise do COVID-19 con actividades culturais e de lecer de calidade online, tal e como persegue a campaña da Consellería de Cultura e Turismo.

Cada semana, o fotógrafo Óscar Corral impartirá nas redes sociais e na páxina web da Cidade da Cultura técnicas que facilitarán de modo sinxelo e a calquera tipo de usuario realizar mellores fotografías instando a levalas a cabo desde a fiestra. Deste xeito, convídase á xente a deixar de velas coma lindes do que quedou fóra nesta época de confinamento, senón como ponte da vida que continúa a pertencerlles e que sigue a formar parte das súas cotiandades.

Entre os consellos, os participantes atoparán desde os máis básicos de iniciación –nos que se empraza á descuberta polo miúdo do dispositivo móbil para ver todas as opcións de fotografía que facilita cada aparato– ata ao dominio da luz, a harmonía cromática, a composición e disposición dos elementos a fotografar ata chegar a contidos máis elaborados sobre o discurso que podemos inxerir nunha imaxe, aínda que sexa feita desde o móbil e a través da xanela.

Todas a persoas que participen poden compartir as súas fotografías tras aplicar o consello práctico tanto polas redes sociais da Cidade da Cultura, como facéndoas chegar ao enderezo electrónico onlinecidadedacultura@gmail.com para un grande álbum en liña compartido. Igualmente, se o desexan poden recibir de xeito persoal e individual valoracións, apreciacións ou comentarios de mellora por parte do titor, quen lles pode precisar ou aclarar dúbidas xurdidas no proceso ou no resultado.
Cidade da Cultura de Galicia