Skip to main content

Activada a web 'Mellor reparar que tirar' para avanzar na consolidación da Rede Galega PxR

Trátase dun espazo multidireccional posto que, ademais das iniciativas municipais, todas as entidade interesadas poderán publicar as súas ideas e proxectos, ofrecendo a súa cooperación ou demandando necesidades para desenvolver con éxito as súas actuacións en materia de preparación para a reutilización e reparación.

Cómpre recordar que a Rede Galega PxR está pensada como un espazo transversal de intercambio de coñecementos e experiencias nesta materia, co obxectivo de impulsar proxectos de cooperación dirixidos á preparación para a reutilización, co reto de contribuír á transición cara a un modelo de economía circular na Comunidade galega.

Nese sentido, a Consellería de Medio Ambiente convocou unha liña de axudas para fomentar a posta en marcha deste tipo de proxectos de prevención da xeración de residuos. Tratase dunha orde de axudas dirixida a entidades locais e agrupacións de entidades de Galicia, cunha dotación de máis de 4 millóns de euros, para o desenvolvemento de actuacións en materia de xestión de residuos municipais, entre as que destaca a creación e/ou a adaptación de espazos municipais destinados á preparación para a reutilización de materiais; actuacións que poden conseguir ata o 100% de financiamento.

Proba piloto, en Valga

En Galicia existen xa instalacións destinadas á reparación e á reciclaxe, como é o Centro Ocupacional de Discapacitados (CODI) no Concello de Valga, un espazo municipal de reparación e intercambio de enxoval, obxectos e outros materiais, coa habilitación tamén de talleres formativos e de sensibilización para a cidadanía.

Este espazo municipal de autorreparación e intercambio, está promovido pola Consellería de Medio Ambiente en colaboración co Concello de Valga, desenvólvese dentro do CODI, promovendo así, á vez, a integración social de persoas con algunha discapacidade.

Para o actual Goberno, a combinación das axudas públicas ao financiamento destas iniciativas e o impulso da cooperación entre todos os axentes implicados da sociedade, é fundamental para a creación de novos modelos de desenvolvemento local nos nosos territorios.

Así, a Rede Galega PxR aspira a ser un punto de encontro de proxectos e entidades que busquen innovar e traballar nunha mesma dirección, para instalar a Galicia nunha senda sostible e cun modelo de economía circular onde os residuos se convertan en recursos, pechando os ciclos de todos os materiais que empregamos a diario.
Rede Galega PxR