Skip to main content

Un estudo con participación galega identifica unha nova diana farmacolóxica contra o alzhéimer

Estes resultados reafirman o papel deste encima na evolución do alzhéimer e sinalan a súa inhibición como potencial estratexia terapéutica para esta patoloxía, e tamén para outras que cursen con neuroinflamación.

Este traballo está liderado polo Instituto de Neurociencias e o Instituto de Biomedicina da Universidade de Barcelona (IBUB), e contou coa participación por parte da USC da profesora Mabel Loza e do investigador José Brea, do grupo Biofarma do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas. Ademais tamén colaboraron a Universidade Autónoma de Barcelona, a Universidade de California-Davis e o Instituto de Investigacións Biomédicas de Barcelona (IIBB).

Estratexia centrada nos procesos inflamatorios

O equipo autor do traballo partiu da idea de que os fármacos empregados para tratar o alzhéimer teñen unha eficacia moi limitada e só en estadios leves da enfermidade. As estratexias terapéuticas dos últimos anos diríxense especificamente a contrarrestar vías moleculares, como a acumulación de beta amiloide e a formación de placas no cerebro propias desta patoloxía. Neste estudo os investigadores empregaron un novo enfoque relacionado cos procesos inflamatorios que contribúen a desencadear esta enfermidade e modular a súa patoxénese. “É de vital importancia ampliar a investigación na terapia para o alzhéimer cara novas dianas farmacolóxicas, preferentemente relacionadas coas vías fisiopatolóxicas da enfermidade. Neste caso, o noso interese dirixiuse cara o sEH, posto que a súa inhibición amosara efectos antiinflamatorios moi potentes e algún dos seus inhibidores estaba ou tiña estado en fases clínicas para o tratamento da hipertensión, de procesos inflamatorios ou, recentemente, da dor neuropática”, explica Mercè Pallàs, investigadora do Instituto de Neurociencias.

O enzima sEH está presente en todo o organismo e é relativamente abundante no cerebro murino e humano, explican as autoras e autores do traballo. Fai que os ácidos epoxieicosatrienoicos (EET) —moléculas que reducen a resposta inflamatoria en condicións patolóxicas como a hipertensión ou a diabetes— perdan a súa actividade antiinflamatoria, e incluso sexan responsables da inflamación. A partir destes antecedentes os investigadores analizaron os efectos da inhibición do sEH en dous modelos animais con alzhéimer, un considerado de alzhéimer familiar e outro ligado á progresión da enfermidade con idade avanzada. A primeira parte do traballo amosou que a expresión deste encima aumentara nos dous modelos animais en comparación co grupo de control, e tamén en mostras cerebrais de pacientes con alzhéimer. “Este achado indica que o sEH está relacionado coa progresión do alzhéimer e fai que poda considerarse coma unha nova diana farmacolóxica”, salientan.

Fármacos con efectos neuroprotectores

Tras determinar que o encima sEH pode ser unha nova diana terapéutica, os investigadores procederon á súa validación empregando tres inhibidores do sEH estruturalmente distintos. Os resultados amosaron que todos os compostos empregados, independentemente da súa estrutura química, foron capaces de evitar o deterioro cognitivo nos dous modelos animais.

Esta nova estratexia terapéutica pode ter implicacións no tratamento doutras patoloxías. “O feito de que a inhibición do sEH conduza a un incremento das defensas antiinflamatorias endóxenas en todo o organismo supón que os inhibidores deste encima poderían ser unha terapia axeitada, eficaz e segura en patoloxías que cursen con inflamación”, conclúe o investigador Santiago Vázquez, do IBUB. Vázquez adianta que xa están a avaliar novos inhibidores do sEH non só en modelos de alzhéimer, senón tamén en modelos de enfermidades cun compoñente inflamatorio importante, como a de Niemann-Pick de tipo C, a dor neuropática ou a pancreatite aguda.
Universidade de Santiago de Compostela