Skip to main content

A UDC organiza o 35º Congreso Internacional de Arquitectura e Deseño Urbano Sustentables con propostas de conferencias de máis de 1.500 expertos

Trátase do congreso internacional máis antigo e importante sobre este tema e vén reunindo entre 300 e 800 expertos no deseño e planificación sustentable de edificios e cidades, provenientes das principais universidades e centros de investigación do mundo (Harvard , MIT, Cambridge, Oxford, ETH...).

O primeiro congreso PLEA tivo lugar en setembro de 1982 auspiciado polas universidades de Miami, Arizona, Cambridge, e a Architectural Association de Londres, entre outras. Este primeiro congreso xurdiu despois da crise enerxética dos anos setenta como unha aposta polo desenvolvemento, documentación e difusión dos principios do deseño bioclimático e a aplicación de técnicas naturais e innovadoras para a arquitectura e o deseño urbano sustentables.

Desde ese primeiro encontro sucedéronse 34 congresos PLEA, sendo os máis recentes os organizados en Hong Kong (2018), Edimburgo (2017) Los Angeles (2016) e Bolonia (2015). Este importante congreso só se celebrou unha vez en España, en Sevilla 1991, no que se levaron a cabo diversas accións que se reflectirían no acondicionamento climático dos espazos exteriores da Expo 1992.

Cada congreso PLEA é un foro aberto, internacional e interdisciplinario para promover investigacións, prácticas e educación de alta calidade en deseño ambientalmente sustentable.

O PLEA 2020 organizado pola Universidade da Coruña centrarase no tema específico das Cidades Climaticamente Neutras baixo o título Planning Post Carbon Cities. Esta edición levantou unha grande expectación na comunidade científica, xa que se recibiron máis de 800 propostas de ponencias, elaboradas por uns 1.500 autores pertencentes a máis de 300 institucións de 60 países de todo o mundo. Finalmente seleccionáronse 250 comunicacións para ser presentadas, máis uns 40 pósters. O PLEA 2020 tamén contará con seis destacados Keynote Speakers, incluíndo a Helle Soholt, CEO de Gehl Architects, un estudio danés pioneiro na rexeneración do espazo público da cidade.

Baixo o tema Planning Post Carbon Cities, a conferencia PLEA 2020 analizará a interacción entre escenarios enerxéticos e deseño e planificación das cidades, prestando especial atención ás seguintes liñas:

- Deseño pasivo (edificios de baixo consumo de enerxía, calidade do aire interior, tecnoloxía de materiais, tecnoloxía vernácula, rexeneración urbana e rehabilitación)
- Enerxía limpa (enerxía renovable, novas tecnoloxías enerxéticas, sistemas de climatización de baixo consumo)
- Comunidades sustentables (clima urbano, confort en espazos abertos, xestión da auga, xestión de residuos, metabolismo urbano, mobilidade, accesibilidade integrada, planificación e políticas, solucións baseadas na natureza, economía circular)
- Deseño en climas extremos e resiliencia urbana (adaptación, autosuficiencia, mitigación, clima urbano, crise climática, vulnerabilidade, xestión de riscos)
- Análise e métodos (ferramentas de simulación e deseño, métodos de seguimento, análise, recollida de datos, novas tecnoloxías, ferramentas de visualización)
- Educación, sensibilización e difusión (formación para a sustentabilidade, desenvolvemento profesional, iniciativas sustentables e activismo ambiental).
Universidade da Coruña