Skip to main content

A Xunta subvencionará con preto dun millón de euros accións complementarias á formación continua

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais destinará 939.120,20 euros a axudas para o financiamento de accións complementarias e de acompañamento á formación continua, segundo recolle unha orde publicada no Diario Oficial de Galicia do 8 de abril de 2005.

Poderán subvencionarse as accións de investigación e prospección do mercado de traballo, os estudos para a determinación das necesidades de formación, a análise da repercusión da formación profesional continua na competitividade das empresas e dos traballadores e a realización de estudos de carácter sectorial ou multisectorial para a creación de produtos e ferramentas innovadoras relacionadas coa formación continua.

Con estas axudas, a Consellería de Asuntos Sociais pretende promover accións orientadas á mellora da eficacia da formación continua dos traballadores ocupados, facilitando a adaptación e a evolución da cualificación profesional ás necesidades dos diferentes postos de traballo.

BENEFICIARIOS

A orde establece que poderán acollerse a estas axudas as entidades ou organizacións sen ánimo de lucro que se atopen inscritas na seguridade social e que inclúan entre os seus fins o desenvolvemento de actividades orientadas á mellora da formación e que acrediten un mínimo de tres anos de experiencia na realización de traballos similares aos que vai realizar.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia