Skip to main content

Antón Costa Rico reivindica unha maior “confianza social” no uso do galego ao recibir o III Premio Luís Porteiro Garea

O galardoado destacou a importancia de que dende a Universidade se promovan iniciativas para fomentar a produción científica en galego. O reitor, pola súa parte, destacou “os moitos méritos alcanzados” na longa traxectoria do galardoado cun premio que distingue a “quen moito ten feito pola lingua”.

Costa Rico comezou a súa intervención recoñecendo a súa “teimosía na defensa da lingua e da cultura” para logo facer un repaso por toda a súa traxectoria profesional e persoal en prol da lingua Os profesores José Antonio Caride Gómez e Jesús Rodríguez Rodríguez foron os encargados de facer a loa ao premiado na que definiron a Costa Rico como “un referente científico, pedagóxico e humano”. Caride destacou “a mirada crítica e reivindicativa do premiado”, “un traballador incansable por prestixiar a lingua”. Nesta mesma liña, Jesús Rodríguez destacou “a calidade e intensidade da súa labor divulgadora”, logo de toda unha vida de dedicada a Galicia e á súa educación.

Acta do xurado

O xurado do certame, composto polo propio Antonio López; Manuel Núñez Singala, responsable do Servizo de Normalización Lingüística; Gumersindo Feijoo Costa, vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade; así como polos profesores Rita Gradaílle Pernas, Marcelino Maneiro Maneiro e Marta Pérez Pereiro, acordou no mes de xullo recoñecer a traxectoria científica, académica, cultural, cívica e social de Costa Rico ao longo de corenta e catro anos de docencia na Facultade de Ciencias da Educación da USC, así como noutras iniciativas pedagóxicas e sociais. Entre elas, a acta destaca as que toman como referencia unha docencia universitaria sustentada en e por materiais escritos en lingua galega; a súa densa e intensa investigación histórico-educativa, cunha abundante e recoñecida produción científica en lingua galega. Asemade a acta do xurado pon o foco nas súas responsabilidades institucionais como decano da Facultade de Ciencias da Educación, director do Instituto de Ciencias da Educación, presidente da Sociedade Española de Historia da Educación, o seu continuado labor de elaboración, coidado e promoción do patrimonio escolar e educativo ou a sensible e activa implicación na renovación pedagóxica a través do Movemento Cooperativo da Escola Popular Galega nunha primeira etapa e posteriormente coa Nova Escola Galega.

Premiados noutras edicións

O Premio Luís Porteiro Garea recoñeceu nas súas dúas edicións precedentes aos profesores Manuel Bermejo e Xosé Antonio Gómez Segade. Este certame lembra a figura do profesor da cátedra de Dereito Civil e membro das Irmandades da Fala Luís Porteiro Garea, quen o día 16 de setembro de 1915 pronunciou no Paraninfo da Universidade a primeira lección en galego da que se ten constancia. Este é o motivo polo que a entrega do galardón realízase cada 16 de setembro nese mesmo escenario da USC.

Universidade de Santiago de Compostela