Skip to main content

Galicia culmina con éxito o proceso de liberación do segundo dividendo dixital

Os centros que se apagaron esta madrugada nas provincias de Ourense e Pontevedra estaban emitindo desde febreiro nas antigas e nas novas frecuencias de modo simultáneo, co que se garantiu o mínimo impacto na poboación.

Para a execución deste proceso de liberación do segundo dividendo dixital en Galicia, Retegal tivo que actuar en 115 centros emisores nas áreas técnicas (provincias) de Ourense e Pontevedra.

En Lugo os traballos xa remataran a principios deste ano, antes da corentena por mor da covid-19. Esta liberación de frecuencias desenvolveuse nun tempo récord nun total de 89 centros emisores, concluíndo os labores na noite do 10 ao 11 de febreiro.

Polo que respecta á Coruña, esta provincia non está afectada polos axustes derivados do segundo dividendo dixital.

A maiores tamén mudou a frecuencia de emisión do múltiple autonómico noutros 216 centros de extensión de cobertura municipal.

A partir de hoxe, a emisión da programación da TVG será na canle 25 para Ourense e na 37 para Pontevedra. En Lugo emite na canle 31.

Concellos e poboación beneficiarios

Os municipios afectados polos cambios de frecuencia na TDT son 101 de Ourense (351.332 habitantes) e 60 de Pontevedra (970.905 habitantes). Mentres, en Lugo foron 58 concellos que suman unha poboación de 289.761 habitantes –a zona sur de Lugo está incluída na área técnica de Ourense-.

Galicia, xa preparada para o 5G

A liberación das frecuencias da TDT dentro do proceso do segundo dividendo dixital permitirá outros usos diferentes da radiodifusión, principalmente os relacionados cos servizos avanzados de comunicacións electrónicas de carácter paneuropeo, o que vén sendo a nova tecnoloxía 5G.

Deste xeito, a Comunidade Autónoma de Galicia estará en condicións de beneficiarse da tecnoloxía móbil 5G, o que traerá grandes avances na produtividade, competitividade e oportunidades do tecido produtivo e para o benestar social.

Previamente, o Estado deberá proceder á poxa das frecuencias liberadas da TDT, dado que é a Administración competente no proceso de adxudicación de licencias de telefonía móbil.

Impulsaranse así os servizos asociados á telefonía móbil de quinta xeración (5G), tendo en conta que o impacto desta nova tecnoloxía non se limitará ao ámbito sector das comunicacións electrónicas, senón que facilitará a introdución de aplicacións innovadoras en empresas, cidadáns e Administracións públicas, destacando as aplicacións que marcarán o futuro próximo, como o Internet das cousas (IoT), o vehículo conectado e autónomo ou a telemedicina e a telecirurxía.
Xunta de Galicia