Skip to main content

A Semana Micolóxica Galega celebra a súa trixésimo oitava edición

Este encontro innova o seu formato e desenvolverá boa parte das actividades en modalidade dixital e abríndoas ao público xeral, previa inscrición.

Así, esta nova edición da Semana Micolóxica Galega, impulsada polo Laboratorio MicoUvigo, a spin-off MycoPlantae a o Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, constará, entre o 16 e o 20 de novembro, dun ciclo de conferencia e unha mesa redonda, varios concursos e unha exposición que, do 16 ao 22 de novembro, amosará un amplo abano de exemplares de diferentes especies e familias de cogomelos. A mostra, que tradicionalmente se instalaba no vestíbulo do Edificio de Ciencias Experimentais dentro da programación de actividades de celebración do patrón de Bioloxía, Ciencias do Mar e Química, San Alberte, este ano terá lugar por primeira vez en formato completamente dixital. Ademais, durante esa semana tamén estará a disposición do público unha mostra dos relatos e fotografías que envíen todos os participantes.

Catro conferencias e unha mesa redonda

O ciclo de conferencias da Semana Micolóxica terá lugar entre o día 16 e o 19 de novembro, un relatorio diario en liña ás 20.00 horas. O primeiro día centrarase na micoloxía en Vigo, o segundo na micobiota nas illas Cíes, o terceiro nos mixomicetos e o cuarto no impacto que o cambio climático pode ter nos cogomelos. O venres día 20 ás 19.00 horas concluirán as actividades cunha mesa redonda na que diferentes persoas relacionadas con este eido debaterán sobre a divulgación en micoloxía, as orixes da divulgación micolóxica en Galicia, as entidades e persoas que durante anos se encargaron de dar a coñecer o mundo dos cogomelos e a situación actual da micoloxía na nosa comunidade autónoma.

Concurso de relatos e fotografía micolóxicos

A Semana Micolóxica Galega complétase con dous concursos que tratan de implicar á cidadanía dun xeito directo no coñecemento sobre as diferentes especies do cogomelos. Para iso, ata o día 6 de novembro está aberto o prazo de participación no certame de fotografía micolóxica e no de relatos micolóxicos.

O I Certame de Relatos Micolóxicos está aberto a toda a cidadanía e comprende tres categorías (infantil, ata os 12 anos; xuvenil, de 13 a 18 anos e adultos para maiores de 18 anos) Cada participante poderá presentar unha obra cuxo contido debe estar relacionado dalgún xeito coa micoloxía, os cogomelos, as tradicións micolóxicas, as micogastronomía, a superstición sobre os cogomelos, etc. Os premios na categoría infantil consistirán nun lote completo de A miña primeira guía micolóxica e unha baralla do O xogo dos cogomelos para o primeiro clasificado e outra baralla para o segundo. Na categoría xuvenil, o primeiro premio será un exemplar de A miña primeira guía micolóxica: macrofungos domesticados e unha paca de cultivo El monstruo de las setas, mentres que o segundo clasificado recibirá outro exemplar do libro. Na modalidade de adultos, a persoa gañadora recibirá o libro Cogomelos de Galicia e norte de Portugal, de Edicións Xerais, asinando pola autora, mentres que o segundo premio será Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Baía Edicións, asinado pola autora.

O I Concurso de Fotografía Micolóxica está aberto a calquera persoa maior de 18 anos, que poderán presentar imaxes relacionadas coa temática citada, sempre que estas non teñan sido alteradas dixitalmente nin por calquera outro medio. A organización tampouco acepta fotomontaxes, pero si permite mínimas correccións de cor e luminosidade e, en caso de dúbidas, o xurado podería solicitar ao autor o arquivo Raw para a súa comprobación. O primeiro premio constará dun libro de fotografía e un segundo premio de produtos variados de MycoGalicia.
Semana Micolóxica Galega