Skip to main content

A Cidade da Cultura acollerá a presentación de proxectos tecnolóxicos e educativos de seis países na 'Maker Faire Galicia'

Poderán tamén participar en obradoiros e asistir a charlas e mesas redondas con referentes nacionais e internacionais. O encontro reinventa así o seu formato tras cinco edicións polas que pasaron máis de 50.000 visitantes. O secretario xeral de Educación e Formación Profesional da Xunta, José Luis Mira, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento, onde destacou que “a innovación educativa teña tamén o seu espazo neste encontro no que tecnoloxía, cultura e educación van da man”. Quixo ademais felicitar á organización por dar “este salto dixital co que o encontro continúa a eliminar fronteiras e achegar o coñecemento, a innovación e a creatividade a todo tipo de públicos, e moi especialmente aos máis novos, algo aínda máis importante se cabe nestes tempos de pandemia”.

A rolda de prensa, emitida a través de videoconferencia, contou tamén coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; o director de operacións da Asociación para o Progreso da Dirección, Santiago Sesto, e o responsable do encontro, Marcos Saavedra, que debullaron polo miúdo o programa do evento.

Tecnoloxía, innovación e educación inclusiva

Mira quixo tamén deterse nalgúns dos contidos que incluirá a xornada da Maker Faire dedicada á educación, que dará “a oportunidade de afondar nas realidades da innovación educativa, a educación inclusiva ou a aplicación das tecnoloxías no ámbito didáctico”. Así, o programa permitirá coñecer o traballo de docentes galegos como José Viñas ou María del Camino Pereiro, recoñecidos polos premios Educa Abanca como algúns dos mellores docentes de España; ou Javier Mur –docente no IES Illa de Tambo de Marín– que recibiu a máxima distinción do Ministerio de Educación pola súa iniciativa Proxecto Guillén, para integrar na dinámica da aula a un alumno con cancro, un proxecto que inspirou a historia do recentemente estreado filme Uno para todos.

Ademais das mesas redondas e charlas, desenvolveranse tamén actividades como a Game Maker Jam, unha competición para crear un videoxogo en dous días, ou obradoiros destinados a docentes e tamén á cativada, sobre temas como computación cuántica ou robótica virtual.

Outros contidos e relatores destacados

Durante os cinco días da Maker Faire Galicia 2020, a plataforma do encontro –á que xa se pode acceder rexistrándose de balde en https://makerfairegalicia.com/gl– dará opción ás persoas visitantes circular, dun xeito similar ao coñecido sistema do Google Street View, polo interior do Museo Gaiás, podendo informarse sobre os diferentes proxectos expostos e conectando en directo cos seus promotores. Tamén desde esta mesma web poderase acceder a todos os obradoiros, charlas e mesas redondas programadas, nas que ademais de educación se tratarán temas como aeronáutica, automoción, alimentación, enerxía, saúde, economía circular, videoxogos ou innovación social.

Entre os relatores máis destacados do encontro atópanse Yannick Roy, co-fundador e director da comunidade máis grande do mundo de neurotecnoloxía (NeuroTchX); Sofía Belenguer, co-creadora e CEO de MyRealFood, a app que axuda a levar unha dieta saudable baseada en comida real; Maitane Alonso, a maker que con só 18 anos sorprendeu á NASA coa súa máquina de conservación de alimentos; ou Antón Vázquez, de Alén Space, a empresa galega dedicada ao deseño e construción de satélites dixitais, cuxo orixe se remonta ao ano 2008 co deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español lanzado ao espazo: o Xatcobeo.

Completan o programa unha mentoría para startups ofrecida por Startup Galicia e diversos obradoiros para todas as idades, que nos permitirán desde aprender a crear unha app de realidade aumentada en tan só unha hora, a construír un levitador ultrasónico ou aprender nocións básicas de robótica, desenvolvemento de videoxogos, ciencia espacial ou electrónica creativa con plastilina condutiva.

Unha edición que perdurará

Ao final das xornadas premiaranse os mellores proxectos e, a diferenza doutros anos, esta feira virtual non será efémera, senón que os contidos permanecerán en aberto ata a celebración da seguinte edición e engadiranse outros novos que poidan resultar de interese aos rexistrados.

A Maker Faire Galicia 2020 celebrarase co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago e Asociación para el Progreso de la Dirección (APD).
Maker Faire Galicia