Skip to main content

O Premio Aresa apoia iniciativas no medio rural ante a pandemia

Así queda recollido nas bases da nova edición deste galardón, convocado este luns logo do convenio asinado en Compostela entre o reitor da USC, Antonio López, e o presidente do grupo empresarial Aresa, Álvaro Rodríguez Eiras.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, e Carlota López Pardo, adxunta á dirección de Aresa, tamén participaron na sesión que botou a andar o XXI Premio Aresa, unha convocatoria que mantén aberto ata o 31 de decembro de 2020 o prazo de presentación de candidaturas a un galardón, dotado con 10.000 euros en metálico e placa conmemorativa, cuxo gañador se dará a coñecer en Lugo ao longo do mes de xaneiro de 2021.

Os promotores do Premio Aresa pretenden nesta convocatoria achegar o seu particular gran de area á loita fronte á pandemia provocada pola COVID-19 ao ampliar as tradicionais categorías nas que se podía concorrer a este galardón: traxectorias empresariais ou persoais relevantes e/ou proxectos de investigación singulares orientados a favorecer o desenvolvemento do medio rural, a outras iniciativas realizadas no campo galego como resposta á crise causada pola pandemia ou como ferramenta de axuda a outras persoas ou colectivos especialmente damnificados polo coronavirus.

Prazos, xurado e criterios de valoración

O prazo de presentación de candidaturas a esta nova convocatoria do Premio Aresa permanecerá aberta ata as 14.00 horas do 31 de decembro de 2020 nos rexistros, tanto físico como electrónico, de que dispón a USC nos seus campus de Lugo e de Santiago de Compostela. Todas as candidaturas, cuxa memoria de presentación non poderá exceder de 25 páxinas, deberán constar da documentación necesaria para que o xurado poida facer a súa valoración da proposta, tal e como se recolle nas bases da convocatoria, que están accesibles na web www.premioaresa.com.

O reitor Antonio López Díaz actuará como presidente do xurado do XXI Premio Aresa, do que tamén formarán parte o presidente do grupo empresarial lugués e outro membro da súa designación, así como a vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo da USC e outra persoa de recoñecido prestixio no eido deste galardón.

Premiados nas edicións anteriores

Na traxectoria do Premio Aresa de Desenvolvemento Rural, un galardón creado no ano 2000 e que acadou un recoñecido prestixio no sector, figuran premiados como o profesor da USC Javier Guitián (en 2001), a Aula de Produtos Lácteos (2002) ou a Facultade de Veterinaria (2008). Fóra do ámbito universitario, outros gañadores foron a IXP Ternera Gallega (2004), o programa de TVG ‘O Agro-labranza’ (2005), a D.O. Ribeira Sacra (2006), a Asociación de Criadores de Rubia Galega - Acruga (2010) e a Sociedade Agraria de Transformación ‘Montes de Trabada’ (2011).

Recibiron tamén este galardón o director xeral de Agricultura da Comisión Europea, o lucense Xosé Manuel Rodríguez Silva (2003); os impulsores da queixería Casa Macán (2007); e empresas como a industria cárnica Nova Novafrigsa (2000), Ingapán (2009), Champivil (2012), Alibós Galicia, que foi a gañadora da edición de 2013, e a Denominación de Orixe Protexida San Simón da Costa, que recibiu este galardón na súa edición de 2014. O grupo empresarial galego Agroamb, que atopa a súa sede empresarial no concello lugués de Castro de Rei, resultou merecedor do premio na edición de 2015, mentres que o galardón recaeu na Asociación Ovica en 2016; na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC en 2018, mentres que o premio foi na edición de 2019 para o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), e para a Asociación de Criadores de Raza Porcina Celta (Asoporcel), en 2020.
Premio Aresa