Skip to main content

Manuel Fraga destaca a eficacia do audiovisual para o achegamento e o coñecemento dos pobos

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, referiuse á “eficacia” dos productos audiovisuais no “achegamento e no coñecemento entre os pobos” e engadiu que son “un instrumento idóneo para divulgar a singularidade das nosas culturas, a nosa historia e a nosa realidade actual”. Manuel Fraga apuntou que estas ferramentas son necesarias entre “países en avance que desexan interrelacionarse coas comunidades afíns”, nun encontro que mantivo esta mañá en San Caetano cun grupo de directivos de cadenas de televisión de once países de América que distribúen o sinal audiovisual de Galicia nas súas emisións.

O xefe do Executivo galego amosouse confiado nos “resultados positivos” do Primeiro Econtro Audiovisual Galaico-Latinoamericano, que se celebra as súas sesións de traballo en Santiago de Compostela e que está organizado pola Compañía de Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) e o Consorcio Audiovisual de Galicia. Para Fraga, os participantes neste encontro terán ocasión de “compartir experiencias, ideas e proxectos de futuro” e indicou que ve a situación como “esperanzadora” para “buscar solucións a aqueles aspectos nos que é necesario seguir avanzando”.

O presidente do Goberno galego salientou que, nos últimos anos, a actividade audiovisual “ten experimentado un notable crecemento en Galicia”. “Fanse moitos e moi variados productos, increméntase o volume de negocio e xorden continuamente novas empresas e créase emprego no sector, confirmando un tecido empresarial cada vez máis capacitado para servir contidos audiovisuais ao mercado global”, dixo.

CIRCUÍTO BIDIRECCIONAL

Neste contexto, Manuel Fraga avogou por unha circulación bidireccional das produccións desta industria. América, manifestou, “constitúe un mercado natural para os productos audiovisuais galegos” e “non só porque neses países Galicia estea representada nunha colectividade de miles de cidadáns, senón tamén porque así o permite o nivel de concorrencia profesional de calidade acadada por un sector en permanente desenvolvemento”. Así mesmo, declarou que Galicia é tamén “receptora de contidos procedentes de Latinoamérica”.

O presidente do Goberno autonómico deulles a benvida a Galicia, “unha terra –dixo-, que está e estará sempre íntima e intensamente agradecida ás nacións irmáns de América”. “Os galegos –explicou Manuel Fraga-, que sempre temos mirado cara á grande maioría deses países como a nosa segunda casa, atopamos neles en moitas ocasións o camiño de futuro, algo que en tempos pasados aquí non era posible albiscar con nitidez”. Fraga desexoulles que estes días “resulten tan fructíferos no profesional, como no humano e no afectivo”.

A DELEGACIÓN

A delegación que recibiu o mandatario galego está integrada por representantes das cadenas Venevisión, Cámara Venezolana de TVs Regionales, Televén (Venezuela), Frecuencia Latina (Perú), Chilevisión (Chile), América TV (Perú), Canal 12, Canal 4 (Uruguai), Cablevisión, Canal 9, Red de Intercable, GTG Televisión, Acción Goup, Cintelba, S.A. (Arxentina), Canal 11 (Honduras), Medcom (Panamá), ATB (Bolivia), TV Azteca, Televisa (México), Telefuturo (Paraguai) e MTV, Prod y Distrib e Beverly Hills Entretainment (Miami). Todos eles participan estes días nas xornadas de traballo organizadas pola CRTVG e o Consorcio Audiovisual de Galicia e tamén asistirán ao Festival de Cannes, en Francia.

PALABRAS DO PRESIDENTE DA XUNTA NA RECEPCIÓN A TRINTA ALTOS DIRECTIVOS DE CADENAS DE TELEVISIÓN DE AMÉRICA

-“É unha grande satisfacción para o Goberno de Galicia recibirlles a todos vostedes, altos directivos e representantes do mundo audiovisual de Latinoamérica, en Santiago de Compostela”.

-“Nesta meta de Camiños de Concordia e espírito, de historia compartida e de europeidade, entendida no seu sentido máis auténtico como exemplo de solidariedade e colaboración, reúnense vostedes para compartir experiencias, ideas e proxectos de futuro neste Primeiro Encontro Audiovisual Galaico-Latinoamericano. Confío, sen dúbida, nos positivos resultados destas xornadas de traballo”.

- “Parten, neste sentido, dunha situación esperanzadora, para buscar neste Encontro solucións a aqueles aspectos nos que é necesario seguir avanzando. Nos últimos anos, a actividade audiovisual ten experimentado un notable crecemento en Galicia. Fanse moitos e moi variados produtos, increméntase o volume de negocio, xorden continuamente novas empresas e créase emprego no sector, confirmando un tecido empresarial cada vez máis capacitado para servir contidos audiovisuais ao mercado global ”.

- “Esta comunidade [Latinoamérica] constitúe un mercado natural para os productos audiovisuais galegos, non só porque neses países Galicia estea representada nunha colectividade de miles de cidadáns, senón tamén porque así o permite o nivel de concorrencia profesional e de calidade acadada por un sector en permanente desenvolvemento. E o mesmo sucede no caso de Galicia como comunidade receptora de contidos procedentes de Latinoamérica”.

-“Esperemos que se siga traballando nesta liña. Non hai que esquecer que o audiovisual constitúe un instrumento de grande eficacia para o achegamento e o coñecemento entre os pobos, e é un instrumento idóneo para divulgar a singularidade das nosas culturas, a nosa historia e a nosa realidade actual, a de países en avance que desexan interrelacionarse coas comunidades afíns”.

- “Reitérolles a nos máis cordial benvida a Galicia. Atópanse vostedes nunha terra que ten estado e estará sempre íntima e intensamente agradecida ás nacións irmáns de América. Os galegos, que sempre temos mirado cara a grande maioría deses países como a nosa segunda casa, atopamos neles en moitas ocasións o camiño de futuro, algo que en tempos pasados aquí non era posible albiscar con nitidez”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia