Skip to main content

Novo avance galego na procura de fármacos antitrombóticos

A aterotrombose é o fenómeno patolóxico polo cal se forma un trombo sobre unha lesión arteriosclerótica preexistente e desempeña un papel capital no desenvolvemento e evolución de trastornos cardiovasculares que cursan con isquemia e que afecta á circulación cerebral, coronaria ou arterial periférica. “Se temos en conta que a obesidade se asocia cun estado proinflamatorio e protrombótico que apoia o incremento das graxas nas arterias, atopámonos cunha situación de risco extremo que desencadea múltiples comorbilidades”, expón o investigador do CiMUS e autor do estudo, Ángel García Alonso.

O traballo, que acaba de publicarse na revista Arterioesclerosis, Thrombosis and Vascular Biology (ATVB), realiza unha análise da fosforilación das proteínas de plaquetas en obesidade severa, que deixa ao descuberto alteracións da reactividade plaquetaria e das vías de sinalización. A fosforilación é un dos principais mecanismos de regulación da actividade das proteínas en xeral e das encimas en particular.

Novos biomarcadores plaquetarios

O obxectivo deste estudo foi obter información sobre os eventos de fosforilación relacionados coa reactividade plaquetaria na obesidade e identificar biomarcadores plaquetarios e vías de activación alteradas nesta afección clínica. Para iso, os investigadores efectuaron “unha análise fosfoproteómica comparativa das plaquetas en repouso de pacientes obesos e os seus controis delgados pareados por idade e sexo. Os datos fosfoproteómicos validáronse mediante ensaios mecánicos, funcionais e bioquímicos, identificando 220 fosfopéptidos regulados diferencialmente, de polo menos 175 proteínas”. O estudo incide no feito de que todos eles estaban regulados positivamente na obesidade. De feito, tamén as investigacións revelaron que as plaquetas obesas mostraban máis adhesión ás placas recubertas de coláxeno.

Os investigadores conclúen que os resultados proporcionan información nova sobre os cambios da fosforilación plaquetaria relacionados coa obesidade, revelando o impacto desta patoloxía crónica na reactividade plaquetaria e apuntando cara ás principais vías de sinalización desreguladas.

Procura de fármacos antitrombóticos

O estudo publicado agora pola revista ATVB continúa o traballo realizado polo grupo Proteómica de Plaquetas do CiMUS en colaboración cos servizos de endocrinoloxía e cardioloxía do CHUS, e que permitiu propoñer ao receptor de coláxeno en plaquetas, Glicoproteína VI (GPVI), como diana terapéutica de interese para o desenvolvemento de novos antitrombóticos. O desenvolvemento de fármacos inhibidores de GPVI é un obxectivo principal do grupo de investigación, que está a levar a cabo en colaboración co grupo BioFarma (USC- IDIS), e para o que conta con apoio do Ministerio de Ciencia e Innovación e a empresa Bayer.
Universidade de Santiago de Compostela