Skip to main content

Cara a unha Intelixencia Artificial, motor da recuperación económica

O obxectivo é fomentar o desenvolvemento e o uso da IA en España para “modernizar o noso sistema produtivo”, alén de contemplar a creación dunha rede de centros de excelencia especializados neste eido. O acto foi presidido polo reitor Antonio López e moderado polo director científico do CiTIUS, Senén Barro.

O reitor da USC aproveitou a súa intervención para subliñar que a IA constitúe “un reto transversal de futuro que vai afectar a todos os sectores, dende o tecido empresarial, ás administracións, ou mesmo na resolución de retos sociais”. “Na Universidade temos un papel que xogar na formación das persoas que ocuparán os perfiles profesionais do futuro, alén de aportar novo coñecemento e ser quen de transferilo”, engadiu. “Non queremos ser meros espectadores, queremos permanecer activos, ser líderes neste cambio transcendental”, concluíu. Pola súa parte, Senén Barro puxo o foco en que a IA é moito máis que “a electricidade do século XXI”, xa que non é só “unha forza bruta”, trátase do “principal recurso das tecnoloxías intelixentes”. Barro destacou que no conxunto de España radica unha moi relevante comunidade científica centrada neste ámbito, sendo Galicia e o CiTIUS un claro exemplo desta especialización de vangarda.

A economía do dato

Cun investimento público de 600 millóns de euros para o período 2021-2023, a ENIA constitúe unha das propostas fundamentais do Plan España Dixital 2025, lanzado o pasado mes de xullo. Concretamente, a estratexia presentada este mércores desenvolve o eixo número nove do Plan relativo a “transitar cara a unha economía do dato, garantindo a seguridade e privacidade e aproveitando as oportunidades que ofrece a Intelixencia Artificial co obxectivo de que, polo menos, o 25% de empresas usen Intelixencia Artificial e Big Data dentro de cinco anos”.

Carme Artigas destacou na súa intervención por videoconferencia que a “IA é xa presente e debemos explotala nos sectores tradicionais, así como noutros novos”. Esta nova folla de ruta, a diferenza da de 2019, adquire “unha perspectiva holística”, afirmou, xa que amplía toda a transformación aos eidos industrial, produtivo e social. A secretaria de Estado sinalou que o 33% dos fondos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia da Economía irán destinados á dixitalización, inxección que ao seu xuízo permitirá impulsar asemade a inversión privada. Neste senso, a secretaria de Estado avanzou o futuro nacemento dun fondo público-privado para impulsar a creación e desenvolvemento de startups neste eido de actuación.

Excelencia investigadora

Catro son os retos que se formula a ENIA: tecnolóxico, ético, normativo e social. “Poñer á persoa no centro da transformación tecnolóxica” é a meta que se persegue con esta estratexia que se nutrirá fundamentalmente da investigación científica. “Fomentar a investigación pública de excelencia e fomentar sinerxías”, apuntou Artigas, é unha das bases desta folla de ruta. Alén da creación da rede de centros de excelencia especializados en IA, a ENIA contempla promover a creación de novos centros, fomentar a retención e a captación do talento investigador, así como flexibilizar a carreira científica.

A nova estratexia que conta cun consello asesor integrado por dezaoito especialistas, pretende ser un punto de encontro entre as demandas de todas as partes interesadas, conciliando as inquietudes da comunidade científica, a industria, a sociedade civil e as comunidades máis vulnerables, pero sobre todo busca comprender e previr as implicacións que expón a rápida introdución da Intelixencia Artificial en ámbitos sociais básicos. “Cerrar brechas para que ninguén se quede atrás e deseñar un futuro con piares máis robustos”, sinalou Artigas, é o horizonte desta folla de ruta.
Universidade de Santiago de Compostela