Skip to main content

A Consellería de Emigración porá en funcionamento na Arxentina a primeira das Oficinas de Atención ó Retorno

O conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal, acorda no Hogar de Ribadumia de Buenos Aires, a través dun convenio de colaboración, a posta en funcionamento da que constituirá a primeira das Oficinas de atención ó retorno no exterior, e que se integra no marco dunha rede- a extender por Europa e outros países de Iberoamérica- de unidades de atención a aqueles que desexen regresar a Galicia. O acordo é rubricado entre a Consellería de Emigración, a Fundación Galicia Emigración, o Centro Galicia de Buenos Aires e a Unión de Sociedades Galegas na República Arxentina.

Esta primeira Oficina- que se ubicará na sé social do Centro Galicia de Buenos Aires- terá como finalidade a prestación de servicios de apoio, información, orientación, e asesoramento in situ sobre tódalas materias e asuntos que incidan no retorno e residencia en Galicia, e, en particular, no orientado ó mercado de traballo.

FACILITAR A INSERCIÓN LABORAL

A través desta Oficina levaranse a cabo tarefas de información para aqueles que contemplen a idea de retorno no que se refire a: organización territorial e administrativa, sistema sanitario, educativo ou de vivenda e sobre a situación socioeconómica e socio laboral galega. Ademais asesorarase acerca de tódalas cuestións e asuntos relevantes para o retorno ou para residir en Galicia, tales como nacionalidade, visados, permisos de traballo e residencia ou a posibilidade de percibir prestacións económicas estatais e autonómicas.

Doutra banda, de cara a facilitar o seu emprego, outorgaráselles todo tipo asesoramento acerca dos programas formativos e de orientación e inserción laboral realizados pola Consellería de Emigración, a Fundación Galicia Emigración e pola Rede Galega de Atención e Orientación ao Inmigrante, ademais de informarlles da existencia dunha bolsa de emprego creada pola Consellería para os inmigrantes e emigrantes retornados e xestionada pola Fundación Galicia Emigración.

CONVENIOS EN ASISTENCIA SOCIOSANITARIA

Miras Portugal, en calidade de presidente da Fundación Galicia Emigración, asina igualmente un convenio de colaboración co Centro Galego de Buenos Aires co obxecto de financiar os gastos de funcionamento do Centro de Día do devandita entidade e mellorar a asistencia sociosanitaria ós socios da colectividade.

A situación socio-sanitaria dos emigrantes galegos na Arxentina está sempre no centro das axendas de traballo que o responsable da Consellería de Emigración desenvolve nas súas visitas a Arxentina.

A colectividade galega alí, sobre todo a de primeira xeración, responde a un perfil semellante: son homes e mulleres chegados hai anos ó país, e que agora teñen unha idade avanzada. Velar pola súa correcta asistencia sanitaria é unha das prioridades do Goberno galego, e calquera iniciativa que poida xurdir para tratar de mellora-las prestacións que reciben os galegos merece a máxima atención por parte da administración galega.

Na filosofía de amplia-lo espectro dos actores da cooperación ó desenvolvemento feita desde Galicia, a rede de centros e institucións galegas na diáspora será aproveitada como un entramado de detección e solución de situacións de vulnerabilidade dos galegos residentes no exterior. Esta liña de traballo resulta patente en Arxentina, onde gracias ó labor desenvolvido polas entidades, coma este Centro Galego de Buenos Aires, poden saír adiante proxectos tan cobizosos coma o reparto de medicamentos ou a creación de centros de día para asistencia médica.

ENTREGA DE MEDICAMENTOS

Precisamente nas instalacións do Centro Galego de Buenos Aires levarase a cabo un acto de entrega de medicamentos por parte do conselleiro Miras Portugal e presidente da Fundación Galicia Emigración, así como polo conselleiro de Sanidade e tamén presidente da Fundación Galicia Saúde, José Manuel González, de viaxe estes días na Arxentina.

Arxentina está vivindo desde 2001 unha situación de emerxencia social como consecuencia do colapso económico que poñen de relieve as altas taxas de pobrezas e exclusión social no país. O goberno galego entendeu que esta era unha situación na que se precisaba da implicación de tódolos axentes de cooperación que quixeran brindar as súas capacidades para arranxar algúns dos principais problemas, tanto da nosa colectividade como da población arxentina en xeral. De aí, a creación da Fundación Galicia Emigración e da Fundación Galicia Saúde, a través das que se canalizan accións de apoio farmacolóxico, socio-sanitario e de axuda alimentaria ó país.

XUNTANZAS COA COLECTIVIDADE

Doutra banda, o conselleiro de Emigración ten previsto a visita á Asociación Centro Betenzos, á Unión de Residentes del Ayuntamiento de Curtis, á Asociación Unión de Residentes del Ayuntamiento de Carbia en Buenos Aires e ó Centro Cultural Partido de La Estrada, nas que se entrevistará coas directivas das devanditas entidades e fará un percorrido pola súas instalacións.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia