Skip to main content

O mes de marzo caracterizouse pola inestabilidade meteorolóxica

O pasado mes de marzo caracterizouse pola variabilidade en canto a situacións meteorolóxicas, segundo os datos de MeteoGalicia -servizo dependente da Consellería de Medio Ambiente-. O mes comezou cunha entrada de aire frío e húmido que deixou temperaturas moi baixas e neves en cotas inferiores aos 500 metros. No interior de Galicia, as temperaturas mínimas rexistradas baixaron ata os -10ºC durante as dúas primeiras madrugadas do mes.

O tempo frío continuou ata o día 7, xornada na que entrou un anticiclón situado ao oeste de Irlanda que deixou trece xornadas de ceos despexados e temperaturas altas. A partir do día 19 comezou a entrada de diversos frontes polo Atlántico, deixando ceos nubosos, chuvias xeneralizadas e temperaturas baixas.

CHOIVAS E TEMPERATURAS

As chuvias rexistradas no pasado mes de marzo superaron os valores medios do mes de marzo nas zonas do interior de Galicia, mentres que no litoral foron máis baixas. A maior parte das precipitacións tiveron lugar a partir do día 20 coa entrada de sucesivas frontes atlánticas.

As temperaturas que se produciron ao longo de marzo estiveron nos valores medios habituais, tanto nas mínimas como nas máximas, aínda que con tendencia a superar estes valores. Isto debeuse á alternancia de situacións, xa que o mes comezou cunha forte vaga de frío, logo a mediados houbo unha situación anticiclónica con altas temperaturas, e finalmente, as frontes da derradeira semana non trouxeron demasiado frío debido á prevalencia dos ventos de compoñente sur.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia