Skip to main content

Irene Montero Díaz gaña con “Lúa Nova” a oitava edición do Concurso Internacional de novela curta Cidade Centenaria de Ribeira

Irene Montero, xornalista ferrolá afincada no municipio de Oleiros, agradeceu ao Concello e a Xerais a organización deste premio (“este tipo de iniciativas son imprescindibles para poñer en valor a nosa lingua”) e confesou que esta é a súa primeira novela e tamén o primeiro premio ao que se ten presentado.

A protagonista é Lúa Lóngora, cega de nacemento, inspirada nunha moza de Santa Cruz chamada Natalia á que Irene coñece e admira. “Natalia agora ten 16 anos e a miña Lúa 34, porque eu quería facer unha proxección cara adiante e imaxinar como será a súa vida, como se enfrontaría aos retos que se lle presenten, que decisións irá tomando”, afirmou a autora.

Unha reflexión sobre a discapacidade
Tamén incidiu en que quería falar da discapacidade, non como unha historia de superación senón para facer unha reflexión sobre a propia discapacidade e sobre a relatividade do termo: “En moitas ocasións, e sempre que esa persoa poida dispoñer dos recursos que precisa ao seu alcance —explicou—, esa discapacidade vén acompañada doutras capacidades extraordinarias, que poden facernos discapacitados ao resto”.

Fran Alonso mostrouse encantado de “incorporar unha nova voz ao catálogo de Xerais” en tanto que o alcalde Manuel Ruiz agradeceu a súa participación, felicitouna polo premio e loou a temática abordada na creación literaria: “non só ten argumento, senón tamén contido”, dixo.

A edil María Sampedro resaltou que nesta oitava edición presentáronse 29 obras, cifra récord que consolida a traxectoria do certame. Ademais reflectiu os valores recollidos na acta do xurado, que sinala que “a obra escollida destaca pola súa escrita fluída e fresca, cunha temática social que invita á reflexión por parte do espectador. A autora amosa un profundo coñecemento do asunto que trata artellando unha narración dende dúas ópticas diferentes”.

“Lúa Nova” será publicada en edicións Xerais en virtude do convenio de colaboración subscrito co Concello, ademais de estarmos ante un premio dotado de 3.000 euros. Os anteriores gañadores no Cidade Centenaria de Ribeira foron Begoña Paz (con “As mellores intencións”), Ignacio Silva (“Vertixes”), Goretti Fariña (“Orlando pendurado”), David Pobra (“Liña azul”), Amadeo Cobas (“A cacería”), Antonio Tizón (“Un home extraño”) e Antonio Piñeiro (“Celada”).

O xurado nesta oitava edición estivo composto por Xoán Xosé Fernández Callón (bibliotecario e historiador), María Jesús Blanco López (mestra e escritora), María Canosa Blanco (escritora) e Alicia Padín Otero (normalizadora lingüística de Ribeira e coordinadora da Rede de Dinamización Lingüística de Galicia), actuando como secretaria (con voz pero sen voto) Sara García Sampedro.
Concello de Ribeira