Skip to main content

Yolanda Castaño e Isaac Garabatos pechan cun espectáculo poético-musical o Mes das Letras da UDC

En 2007 uníronselles o músico Jesús Andrés, a cantante Mónica de Nut e a coreógrafa e bailarina Branca Novoneyra para crearen o grupo “Tender a man”. Con esta orixinal e pioneira formación que fusionaba música en directo, recital poético e danza contemporánea puideron amosar coidadas mostras do seu traballo en escenarios de Galicia así como en Helsinki, Tokio, Múnic ou Berlín.

Constituíndo o cerne e motor creativo da formación, Castaño e Garabatos continúan paralalelamente colaborando xuntos en novos proxectos, e en 2018 publican en Italia o seu primeiro libro-disco, “Idioma da tinta”. Editado dentro da colección Canzoniere -dedicada ás máis punteiras propostas de música e poesía de Italia e do resto do mundo- o traballo recolle catorce composicións de Garabatos sobre poemas recentes de Castaño. Esta produción púidose mostrar xa en distintos museos, festivais e salas de Italia, Andalucía ou Valencia.

Así, a través do espectáculo “Idioma da tinta” un dos músicos máis versátiles e activos en Galicia pon música a un dos rostros máis populares da poesía galega. A voz de Yolanda Castaño únese a unhas composicións orixinais de Isaac Garabatos cheas de fresca diversidade e excelencia musical, nun envolvente diálogo entre música e poesía de exquisita factura.

Un recital poético cargado de expresividade, calidez, provocación unha veces e sutil elegancia outras, que será capaz de conectar con propios e estraños. Un xeito de que a mellor poesía contemporánea de Galicia chegue a un público máis amplo a través dun concerto delicado, de alta calidade artística e cargado de emocións.
Universidade da Coruña