Skip to main content

Unha viaxe a Bangladesh da man da mostra 'Dez anos en Daca'

A mostra que se inaugura este mércores poderá visitarse ata o 30 de xuño. 'Bangladesh acolle unha iniciativa que parecía un desafío hai dez anos: a creación da Cátedra Inditex nada co obxectivo do ensino do español e da cultura hispanoamericana en Daca aos alumnos da súa universidade e, en xeral, aos bangladesís desexosos de coñecer unha cultura non sempre próxima ao seu contexto', explican dende a organización da mostra. Para iso, ademais das clases normalizadas de lingua española ofrecidas a máis de 3.000 alumnos durante estes anos e impartidas nos locais construídos por Inditex, tamén se organizaron conferencias, seminarios, congresos e exposicións. Completan este abanico de actividades as máis de 30 bolsas de estancia nas dúas universidades galegas aos alumnos con mellor aproveitamento.

Alén destas accións de tipo académico, o enfoque social deste proxecto alenta a inclusión do alumnado menos favorecido, ademais dunha política de promoción entre as estudantes femininas que logrou alcanzar unha alta porcentaxe de participación en todas as súas actividades. A exposición serve asemade para lembrar o éxito que o proxecto da Cátedra Inditex logrou nestes dez últimos anos froito da colaboración directa entre USC, UDC e a Universidade de Daca, co apoio de Inditex.

O acto inaugural desta mostra celébrase este mércores 2 de xuño, no Salón Nobre do Colexio de Fonseca ás 19.00 horas. Xunto ao reitor Antonio López, toman parte no acto o reitor da UDC Julio Abalde; o embaixador de Bangladesh en España, H. E. Mohammad Sarwar Mahmood; e Antonio Abril Abadín, presidente do Consello Social da UDC.
Universidade de Santiago de Compostela