Skip to main content

Pódense solicitar prazas para os campamentos de verán de Xuventude

Ata o 26 de abril xa se poden solicitar prazas para participar nos campamentos de verán que a Dirección Xeral de Xuventude desenvolverá durante os meses de xullo e agosto en diferentes instalacións das catro provincias galegas, así como noutras comunidades autónomas.

Nesta edición da Campaña de Verán, que foi presentada hoxe no Centro de Información Xuvenil de Santiago, inclúense cerca de 10.500 prazas, que se reparten entre as actividades que terán lugar en albergues e campamentos en Galicia (7.749 prazas), nos doutras comunidades autónomas (763 prazas), coa novidade das provincias andaluzas de Almería e Huelva, e na oferta concertada, que facilita o uso das instalacións da Dirección Xeral de Xuventude a asociacións, escolas de tempo libre ou corporacións locais para que desenvolvan os seus propios programas (1.960 prazas).

A todas estas súmase a específica para mozos e mozas de 18 a 30 anos, máis de 300 prazas, anunciada o pasado 29 de marzo, así como os campos de traballo, tamén presentados hoxe, con 435 prazas, coas que a oferta total deste verán supera as 11.000.

Entre os rapaces galegos que participen atoparanse algúns que residen no exterior, para os que se reservan un total de 400 prazas coa finalidade de facilitar a súa mobilidade.

A Campaña de Verán 2005 presenta, entre outras novidades, a posibilidade de cursar unha solicitude dobre para aquelas familias nas que os irmáns queiran asistir xuntos a un campamento. Ademais, mantense o número de prazas ofertadas aos nenos de menor idade co obxectivo de facilitar a conciliación da vida laboral e familiar.

Tamén é de salientar a novidade introducida no sorteo perante notario, que consiste en que na configuración das listas de espera teranse en conta as cinco opcións que se sinalen na solicitude. Deste xeito, mediante un sistema informático aleatorio, se o solicitante non entra na reserva da primeira alternativa que marcou, ten a posibilidade de ser incluído na lista de espera dunha das outras que indicou. Este sistema multiplica por cinco as opcións de lograr unha praza.

Ademais, os demandantes que accedan a unha praza poderán recibir un SMS ou un correo electrónico no número de teléfono ou conta de correo que se sinale na solicitude. Nesta mesma liña de uso das novas tecnoloxías para achegar a información á mocidade galega, a Dirección Xeral de Xuventude puso en marcha hai uns meses unha iniciativa que permite aos mozos recibir no seu móbil mensaxes con novidades xeradas polos distintos departamentos da Xunta de Galicia, como convocatorias de emprego, novos programas nos que participar ou oferta de bolsas, entre outras.

TEATRO, AVENTURA E INGLÉS

Xa en concreto, nos programas que se desenvolverán en Galicia, a nova campaña amplía as actividades de teatro, tras comprobar que espertan un gran interese entre os rapaces, cunha nova quenda no Campamento Xuvenil Espiñeira do 16 ao 30 de xullo.

Outras novidades son a inclusión na oferta dunha actividade de aventura, de inglés e dun campamento de vídeo, ademais de contar con dúas novas instalacións, o Albergue Xuvenil Grixó, en Padrenda, e o Centro de Educación Ambiental EQUAL, en Coles, ambos na provincia de Ourense.

CAMPOS DE TRABALLO

Na presentación expúxose tamén a oferta de campos de traballo organizados por Xuventude e que se desenvolverán tanto en Galicia (101 prazas) como noutros lugares de España (260 prazas) e no extranxeiro (74). A adxudicación destas prazas será directa.

Esta modalidade, dirixida a mozos de entre 18 e 30 anos, inclúe este ano por vez primeira campos de traballo en Bóveda (Lugo), Corrubedo (A Coruña) e Baiona (Pontevedra), e repítense os de edicións anteriores, que na provincia da Coruña se celebraron en Vilarbó (As Pontes de García Rodríguez), Espiñeira (Boiro) e Vedra; en Lugo tiveron lugar en Sober; en Ourense, en O Corgo (Muíños) e Celanova, e na provincia de Pontevedra, en Pontemaril e Illas Cíes.

O prezo de todas as prazas ofertadas vai de 74 a 200 euros, con descontos para familias numerosas, carné xove ou carné máis.


Gabinete de Comunicación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da Xunta de Galicia