Skip to main content

Estudantes da USC e UDC presentaron ideas para poñer en valor o 'corazón verde' do Campus de Lugo

A calidade e a orixinalidade das ideas maduradas polo alumnado da USC e UDC dos graos en Paisaxe, Agrícolas, Forestais e Arquitectura no obradoiro desenvolvido esta semana na sede universitaria luguesa proban o éxito dun obradoiro que non fai máis ca constatar o bo entendemento existente entre a institución provincial e a USC, unha sintonía que neste caso se traduce na concreción dun abano de potenciais actuacións para a posta en valor deste enclave que é o corazón verde do Campus de Lugo, comentou Montserrat Valcárcel.

A vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo fixo estas declaracións no marco do acto de clausura e entrega de premios do ‘Obradoiro Valgada do Campus’, un acto no que tamén participaron o deputado provincial Pablo Rivera, as coordinadoras do grao en Paisaxe na UDC e na USC, Cristina García Fontán e Isabel Iglesias Díaz, respectivamente, e o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta.

Os relatores salientaron a calidade das distintas propostas desenvolvidas ao longo de cinco xornadas de traballo, razón pola cal o xurado acordou outorgar un primeiro premio e dous accésits, ao tempo que coincidiron en sinalar que as ideas apuntadas como posibles intervencións neste espazo universitario son complementarias e poden integrarse.

Ditame do xurado

O xurado encargado de fallar os premios do Obradoiro Valgada do Campus, un tribunal formado por Xosé Antonio Rubal, reponsable de Proxectos Institucionais da USC; Plácido Lizancos Mora, director da Escola Técnica Superior de Arquitectura da UDC; Tomás S. Cuesta García, director da Escola Politécnica Superior de Enxeñería da USC; Fernando María Tabernero Duque, responsable da Unidade Técnica de Arquitectura e Xestión de Espazos da USC, e Ana Belén Mera Arias, en calidade d diirectora Unidade de Proxectos da Depuración de Lugo, acordou outorgar o primeiro premio desta iniciativa ao proxecto que mellor respondía ás bases da convocatoria.

Daquela, o xurado outorgou o primeiro galardón, dotado con 600 euros en metálico ao proxecto ‘Revalgada’, que incluía propostas de intervencións urbanísticas e paisaxísticas que buscan a rexeneracón do espazo a través da recuperación de usos do anfiteatro central, ao tempo que valorizan a prsenza da auga, contempla intervencións na cuberta vexetal e melloran as sendas peonís existentes.

Os outros dous proxectos presentados polos dous equipos interdisciplinares que concorreron a esta convocatoria da USC e Deputación de Lugo recibiron cadanseu accésit e unha dotación económica de 200 euros.
Universidade de Santiago de Compostela