Skip to main content

Antía Pérez Caramés (UDC) e Isidro Dubert (USC) desmontan nun libro o mito do envellecemento demográfico atribuído á inmigración

O conxunto de achegas pretende interrogar criticamente o tratamento mediático e académico de dous mitos estreitamente relacionados entre si: que o crecente rexeitamento das mulleres a ser nais desembocou nun irremediable envellecemento da poboación e que, para poñerlle freo, os gobernos permitiron unha invasión descontrolada de inmigrantes que altera as “naturais” condicións de vida da poboación local.

Fronte a isto, os autores deste libro defenden que “a demografía debe recuperar o espazo ocupado polos medios de comunicación, os políticos, tertulianos e demais afeccionados ao tema. Só así poderá establecerse unha guía científica e dar unha explicación coherente aos retos que hoxe supoñen estes acontecementos demográficos”.

“A análise do sucedido en diversos países e rexións europeas, cunha especial atención a Galicia, laboratorio de moitas das actuais políticas demográficas e familiares españolas, desvela o que se oculta tras da hostilidade que os populismos amosan cara a inmigración, a responsabilidade que as malas condicións económicas tiveron e teñen sobre a baixa natalidade ou a ineficacia das políticas natalistas e familistas ensaiadas polos distintos gobernos para remediala; unhas políticas que, ademais, esconden problemas estruturais, como o desemprego ou a precariedade laboral, os cales, de non resolverse, seguirán alentando a baixa natalidade, a emigración, o envellecemento e os medos da poboación local”, conclúen os investigadores.
Universidade da Coruña