Skip to main content

As universidades galegas traballarán conxuntamente na oferta de varios másteres

O informe contou coa participación de 80 especialistas que traballaron na definición dun listado inicial de títulos de mestrado para axustar a oferta de ensino superior aos novos perfís profesionais da vindeira década en eidos específicos como a economía circular, a biofabricación, a innovación educativa, a mobilidade autónoma ou a intelixencia artificial, entre outros.

Nun acto no que participaron os reitores Antonio López (USC), Julio Abalde (A Coruña) e Manuel Reigosa (Vigo), xunto co conselleiro Román Rodríguez, presentáronse os distintos ámbitos temáticos nos que as universidades mostraron o seu interese por acadar colaboracións que permitan o desenvolvemento conxunto destas titulacións para a súa posible implantación no curso 2023-2024. Entre outros, son propostas de mestrado en ámbitos como a economía circular, fabricación aditiva, xestión sostible e avanzada da auga, tecnoloxía téxtil, biofabricación, cronicidade e novos modelos de atención sociosanitaria, e-saúde, comportamento do consumidor e experiencia de cliente, e-government e transformación dixital, innovación educativa, internet das cousas, realidade estendida ou mobilidade autónoma.

Para cada unha delas constituirase unha comisión de traballo interuniversitaria, que realizará unha valoración técnica das propostas, analizará as súas posibilidades organizativas e avanzará na definición e elaboración das memorias, así como na distribución por campus en función das declaracións de interese manifestadas inicialmente ou doutras que se poidan engadir no futuro inmediato.

O reitor Antonio López subliñou nesta presentación que as universidades teñen a necesidade de “renovar e manter ao día permanentemente a súa oferta de estudos, moi especialmente no ámbito do mestrado, o cal esixe reaccións permanentes ante as novas necesidades”. Sobre a base do documento Galicia 2030, Antonio López avoga por profundar nunha oferta “pensada no estudantado e adaptada ás necesidades do mercado”, tendo en conta a necesaria especialización.

Á oferta vinculada ao informe elaborado por FEUGA, López sumou outras propostas nas que as universidades están a traballar con distintos niveis de desenvolvemento no ámbito das Humanidades, como o ensino do español como lingua estranxeira ou o patrimonio cultural dixital. O reitor compostelán recoñeceu o valor engadido de abordar esta oferta apelando á capacidade das tres universidades e respectando a súa autonomía para enriquecer esta proposta inicial con novas titulacións de posgrao.
Universidade de Santiago de Compostela