Skip to main content

O proxecto SOS-Digital achega apoio a estudantes con malestar psicolóxico

Ao abeiro do proxecto 'SOS-Digital: Proporcionando apoio a estudantes con malestar psicolóxico' xurde un protocolo en liña de axuda alumnado ante estados de desconforto psicolóxico, que desenvolveron tres investigadoras do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC, xunto a especialistas das universidades que conforman o consorcio e persoal do Centro de Apoio Científico-Tecnolóxico da USC (CACTUS).

O protocolo inclúe vídeos e guías dixitais de corte didáctico coa finalidade de informar á comunidade universitaria desta realidade e mostrar modos e reaccións axeitados a cada circunstancia, ao tempo que buscar solucións ante situacións que poden xerar malestar emocional. O material está dispoñible na web do proxecto. Como engade o equipo responsable do proxecto, “esta guía non substitúe a axuda especializada, o seu obxectivo é concienciar sobre a importancia do recoñecemento de indicios de risco e ofrecer unha primeira resposta efectiva ao alumnado en situacións susceptibles de provocar malestar ou dano psicolóxico”.

O proxecto SOS-Digital xurdiu ante a necesidades de dar resposta ao crecente risco de dificultades de saúde mental que se están a detectar no alumnado universitario, explican as investigadoras do equipo da USC, as profesoras Ana López e Paula Villar, e a técnica de proxectos internacionais Lucía Casal. A educación superior implica, ademais da propia existencia académica, unha serie de cambios que poden superar os recursos de afrontamento da mocidade, sobre todo no caso do alumnado estranxeiro, que adoita vir só a un país e a unha universidade que descoñecen, explican as investigadoras. Fronte isto, resulta “fundamental informar e desenvolver plans de asistencia psicolóxica para o estudantado, así como informar ao profesorado e persoal de administración e servizos sobre estratexias para reaccionar ante situacións de emerxencia da forma máis adecuada e empática posible”, explican.

O desenvolvemento deste proxecto contou co financiamento do programa Erasmus+ da Comisión Europea, a través da partida orzamentaria Key Action 2, cuxo obxectivo é proporcionar oportunidades para a cooperación, innovación e o intercambio de prácticas innovadoras no eido educativo e formativo entre as institucións dos diferentes países participantes.
Universidade de Santiago de Compostela