Skip to main content

Sumo Valor, 'unha alianza estratéxica' entre sociedade e Universidade

'Crear a cultura da conexión da universidade coa sociedade e alimentar deste xeito os proxectos que estamos a desenvolver' constitúe para o reitor 'unha alianza estratéxica'.

A COVID-19 supuxo un antes e un despois para Sumo Valor, tal e como tamén explicou o vicerreitor de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade, Gumersindo Feijoo Costa. “A finais de 2019, cando o programa botou a andar como unha iniciativa piloto, e ata marzo de 2020, a meirande parte das microdoazóns dirixíanse a actividades culturais e deportivas. A aparición da COVID-19 fixo que os investimentos en investigación pasasen a ocupar un rol protagonista”, sinalou o vicerreitor. A iniciativa conta ademais co apoio do Consello Social da USC. Neste senso, a súa presidenta, Cecilia Sierra, quixo subliñar que “a nosa Universidade conta con talento científico e grupos de investigación con gran capacidade tractora para atraer máis talento e novas vías de financiamento”.

Talento investigador

Os investigadores da USC Dolores Pérez e Rubén Nogueiras, pertencentes ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) e ao Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS), respectivamente, tomaron parte no acto para achegar as súas vivencias á hora de desenvolver a súa actividade investigadora e lograr financiamento para os seus proxectos. “Sumo Valor é unha ferramenta extraordinaria”, sinalou Dolores Pérez ao permitir que a sociedade apoie a investigación da Universidade. “A inconsistencia na convocatoria de proxectos, a falta de flexibilidade na execución dos mesmos e a alta carga burocrática” son algunhas das eivas que o profesor Nogueiras sinalou á hora de acometer a actividade investigadora e que evidencia a necesidade de desenvolver novas vías de financiamento. “O que nos vai facer evolucionar non é a Universidade cos seus 500 anos de historia, senón a xente que traballa nela”, concluíu.

Ademais, os fondos captados a través de Sumo Valor serviron como fonte de financiamento para distintos proxectos de investigación no eido da COVID-19. Así, o profesor da USC e tamén científico do CiQUS, Javier Montenegro, é o investigador principal dun proxecto que prepara vectores peptídicos para o transporte de ARN mensaxeiro de potencial aplicación en vacinas. Pola súa parte, o grupo que dirixe o profesor José Martínez Costas traballa tamén dende o CiQUS, no desenvolvemento dunha vacina fronte á COVID-19 en base a unha nova metodoloxía, creada no propio centro e patentada pola USC, que permite resultados en marxes de tempo reducidos e a baixo custo.

Jorge Mira é o investigador principal do proxecto 'Predico' sobre modelos de predición dinámica sobre escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo. O obxectivo deste proxecto tamén financiado pola campaña de micromecenado da USC, é o de predicir a evolución da expansión e incidencia da enfermidade. A cartografía de risco coordinada polo profesor Ángel Miramontes permite, pola súa parte, coñecer onde se localizan os principais focos de contaxio pola COVID-19, con que factores territoriais están relacionados e cales son os espazos de actuación chave para frear a súa propagación. 'Sumo valor' toma tamén parte na elaboración deste mapa actualizable que realiza un diagnóstico sobre o comportamento espacial do contaxio.

Finalmente, o proxecto de vacina contra a COVID-19 no que está a traballar a profesora e investigadora do CiMUS, María José Alonso, recibe tamén financiamento deste programa da institución compostelá; xunto ao de vixilancia de SARS-CoV-2 en EDAR, dirixido por Jesús Romalde; e o de vixilancia e detección do SARS-CoV-2 en augas residuais, coordinado por Juan Manuel Lema. Con todo, o programa abrangue doazóns para a investigación científica de tipo xeral e a difusión dos seus resultados. Así, por exemplo, o proxecto ‘Lingua viva. Plataforma de datos lingüísticos’ que aspira a crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas de todos/as os/as falantes do galego vivo recibe tamén apoio dende o programa de micromecenado, entre outras iniciativas.

Cultura e deporte

Sumo Valor aspira tamén a contribuír á consolidación de programas de produción propia da USC. Ampliar a oferta e o apoio ás iniciativas culturais e deportivas da comunidade universitaria, así como afrontar a mellora e mantemento das instalacións e equipamentos deportivos son, polo tanto, outros dos horizontes que persegue esta iniciativa.

Empresas e particulares poden apoiar o programa a través de microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa. No transcurso do acto, o reitor fixo tamén entrega á actriz María Mera do diploma de embaixadora de Sumo Valor.
Universidade de Santiago de Compostela