Skip to main content

Un equipo do CiMUS da USC atopa os 'vagóns' naturais que viaxan ao cerebro para reverter a obesidade

O grupo do Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS) NeurObesity, liderado por Miguel López en colaboración con investigadores da Universidade de Angers (Francia), conseguiu cargar vesículas extracelulares -unhas nano moléculas naturais- cun xene modificado que inhibe a acción da proteína AMPK nun grupo moi reducido de neuronas desta rexión cerebral de difícil acceso.

O traballo, subvencionado pola Fundación “la Caixa” no marco da Convocatoria CaixaResearch de Investigación en Saúde e publicado na prestixiosa revista Nature Metabolism, vai máis aló do campo da obesidade e pode estenderse a outras patoloxías relacionadas co cerebro. O primeiro autor do traballo é Edward Milbank, experto en vesículas extracelulares e membro do grupo NeurObesity. Parte dos resultados formaron parte da súa tese doutoral, dirixida por Miguel López.

Fármacos contra a obesidade

A baixa efectividade de dietas e outras estratexias contra a obesidade intensificou nos últimos anos a busca de tratamentos farmacolóxicos. En opinión dos expertos, atopar un tratamento eficaz e aplicable á maioría da poboación obesa preséntase como un dos retos biomédicos máis relevantes do século actual. Un dos maiores problemas que implica buscar un tratamento neste eido é que moitos dos potenciais mecanismos que regulan a masa corporal están localizados no cerebro. Neste senso, o principal obstáculo que implica poder desenvolver fármacos que actúen no cerebro é o seu elevado grao de protección. “En primeiro lugar, está emprazado dentro dunha auténtica ‘caixa forte’, o cráneo, e, en segundo lugar, calquera molécula que teña que chegar ao cerebro ten que atravesar un sofisticado sistema de transporte: a barreira hematoencefálica. Esta estrutura non so actúa como un ‘sistema de peaxe’ para moléculas do propio corpo senón que xoga tamén un papel fundamental regulando a entrada de medicamentos no cerebro”, explica Miguel Lópezz, investigador do CiMUS e do CIBER de Fisiopatoloxía da Obesidade e Nutrición (CIBEROBN).

A investigación desenvolveu unha nova estratexia para tratar a obesidade. “O noso enfoque consistiu en utilizar vesículas extracelulares, un tipo de nanopartículas naturais presentes no noso organismo, cuxa vantaxe reside precisamente no seu tamaño: son tan pequenas que se poden colar sen pagar a peaxe a través da barreira hematoencefálica. Non obstante, son o suficientemente grandes como para ser “cargadas” con outras moléculas, por exemplo un fármaco, e actuar como mecanismo de transporte. Serían unha especie de ‘vagóns moleculares’”, tal e como sosteñen Milbank e o doutor López.

O grupo do CiMUS da USC conseguiu cargar esas moléculas cun xene modificado que, ao expresarse, inhibe a acción da proteína chamada AMPK, especificamente nun grupo moi reducido de neuronas, uns poucos miles do hipotálamo. Un dato tamén especialmente relevante se temos en conta que o cerebro do rato posúe uns 100 millóns de células (das que uns 75 millóns son neuronas). Con esta estratexia, o equipo de investigación conseguiu reverter a obesidade en rato moi obesos. En opinión dos investigadores, o interesante do modelo é que os ratos obesos, a pesar de seguir inxerindo unha dieta con elevado contido en graxa (60%) perdían peso, como resultado dun maior gasto calórico no tecido adiposo pardo.

Antecedestes

Esta liña de investigación comezou no ano 2010 cando o grupo de Miguel López descubriu que a proteína AMPK xogaba no hipotálamo un papel clave na regulación da masa corporal modulando a actividade da graxa parda, nun artigo publicado en Nature Medicine. Agora, tras máis dunha década de estudo sobre este mecanismo, o grupo do CiMUS desenvolveu esta novidosa estratexia abrindo a posibilidade de estendela a humanos. Ademais, o descubrimento vai máis alá do campo da obesidade e pode aplicar noutras patoloxías relacionadas co cerebro.
Universidade de Santiago de Compostela