Skip to main content

A quinta edición da '1 metro cadrado polo campo, os bosques e o monte' pecha en Galicia coa caracterización de case 1.000 residuos

O proxecto Libera, creado por SEO/BirdLife en alianza con Ecoembes, e no que colabora a Xunta de Galicia, reuniu este mes a preto de 250 voluntarios que participaron nas diferentes batidas para evitar basuraleza nos montes e zonas litorais de Galicia.

Un total de 17 equipos dedicáronse a retirar lixo de espazos verdes como o parque de Castrelos en Vigo, o merendeiro de Preguntoño en Arzúa, o paseo fluvial de Oira en Ourense ou nas inmediacións do mosteiro de Caaveiro en Pontedeume. Entre a basuraleza atopada nestas zonas destacaron os materiais da construción, os panos de man, panos e bolsas de plástico.

Deste xeito, Galicia sumouse á campaña nacional que nesta edición actuou sobre 346 puntos en España, case 80 máis que no ano anterior, un traballo grazas ao cal se retiraron 8,5 toneladas, entre as que se atopan cabichas, latas, pezas de plástico e de vidro, así como botellas de plástico.

Asemade, estas accións súmanse a outras, impulsadas por Libera no conxunto do Estado, como 1m2 polas praias e os mares ou 1m2 polos ríos, embalses e pantanos, nos que participaron preto de 10.000 voluntarios e grazas as cales se conseguiu caracterizar máis de 136.000 obxectos de 596 puntos de toda España.
Proxecto Libera