Skip to main content

A UDC Saudable e as súas entidades colaboradoras ofertan un total de 35 conferencias divulgativas dirixidas a toda a comunidade universitaria

A Asociación de Dano Cerebral da Coruña (ADADECO) oferta unha conferencia presencial centrada na prevención e abordaxe do Dano Cerebral Adquirido (DCA) con formación específica en Terapias Intensivas en Neurorrehabilitación. Pola súa banda, a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (AFFINOR), presenta catro relatorios en liña nos que se afondará en como xestionamos o noso tempo e súa relación coa nosa calidade de vida, no impacto das enfermidades crónicas no emprego, na relevancia da Terapia Ocupacional na Fibromialxia e na Fatiga Crónica como ferramenta para mellorar a calidade de vida así como na ideación suicida nas persoas con enfermidades crónicas.

A Asociación Galega de Dislexia (AGADIX) presenta unha conferencia en liña centrada na dislexia e noutras dificultades de aprendizaxe. Do mesmo xeito, a Asociación Galega de Linfedema, Lipedema, Insuficiencia Venosa Crónica e outras Patoloxías Vasculares Periféricas achegaranos á realidade das persoas diagnosticas con este tipo de enfermidades a través de dúas conferencias que ben poderían ser presenciais, en liña ou en formato híbrido. Este mesmo formato seguirá a Asociación Española Contra o Cancro (AECC) quen oferta catro conferencias nas que achegarse ao Código Europeo Contra o Cancro ou conciencias da importancia dos cribados e a detención precoz.

A Asociación para a Loita Contra as Enfermidades de Ril (ALCER Coruña) oferta catro conferencias, presenciais, en liña ou modalidade híbrida, nas que a comunidade universitaria poderá coñecer mellor como é o día a día dunha persoa cunha enfermidade renal crónica ou sobre sexo en persoas con enfermidades crónicas. Pola súa banda, a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO) quere presentarnos un novo enfoque metodolóxico na prevención do consumos de drogas e que, a través das súas propostas divulgativas, comprendamos mellor as adiccións e as tecnoadiccións baseándose nas evidencias científicas.

A Federación de Asociacións de Familiares e Persoas con Enfermidade Mental (FEAFES) presenta tamén tres conferencias, presenciais, en liña ou modalidade híbrida, nas que afondan na saúde mental en tempos de pandemia e na xestión e manexo do estrés. Seguindo tamén este mesmo formato, a Federación de Planificación Familiar (SEDRA) oferta catro obradoiros centrados na prevención e detección da violencia de xénero dixital ou na promoción dos dereitos sexuais e reprodutivos.

Tamén participan nesta nova proposta da UDC Saudable, a Asociación querENDo, Mulleres con Endometrose, o Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados (Fundación INGADA), a Cruz Vermella Xuvenil, co Proxecto Nin + Nin – Información sobre drogas, e a Xunta de Galicia, a través da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) e o programa Quérote+, este último, abordando temáticas de diversidade sexual e autoestima.
Universidade da Coruña