Skip to main content

As mulleres sitúanse á cabeza do número de iniciativas emprendedoras desenvolvidas en territorio galego

A docente da USC fixo esta afirmación no acto de presentación dos principais datos relativos a Galicia do estudo elaborado polo Observatorio do Emprendemento de España con datos do Global Entrepreneurship Monitor (GEM), en colaboración con ENISA e Coca-Cola. O informe sitúa as mulleres á cabeza do número de iniciativas emprendedoras desenvolvidas en territorio galego, cunha taxa de emprendemento do 5% en 2020, superando por segundo ano á masculina.

Os datos de percepción presentados indican, tal e como explicou Neira, que, para o 39% delas, emprender “é un proceso asumible”, e que un 56% considera que sabe como facelo, sendo para o 50% unha boa opción de carreira profesional; porén, subliñou a docente, “o medo ao fracaso continúa como unha espada de Damocles para o 44% das emprendedoras”. “Trátase de percepcións que sempre manifestan nun ton máis pesimista que os seus homólogos masculinos, pero que, con todo, lévaas a liderar todas as fases do proceso emprendedor”, sinalou.

O estudo recolle, ademais, os diferentes perfís que se observan ao estudar as motivacións que impulsan o emprendemento. Na súa maioría, sinalou Neira, figuran as mulleres que emprenden para “gañarse a vida ou por continuar coa tradición familiar”. En menor medida atópanse as motivacións relacionadas con “xerar renda ou riqueza alta”, un feito que, segundo a profesora da USC, “leva a que ao redor da metade das iniciativas reais xa establecidas sexan de niveis de renda baixo”.

Doutra banda, outro dos temas abordados durante a presentación de conclusións do informe foi a consolidación da rexeneración de empresas. Así, aínda que no 71% das empresas de máis de tres anos dirixidas por mulleres as súas promotoras teñen máis de 45 anos, as mozas de menos de 35 anos supoñen o 42% nas iniciativas futuras, tendo ademais niveis de formación altos —no 42% dos casos, un nivel formativo profesional ou universitario—. En definitiva, concluíu Neira, “as mulleres son peza clave no emprendemento galego, consolidándose en innovación e competitividade, pero continuando a necesidade de traballar a percepción da contorna económica e da súa posición de liderado na sociedade”.
Universidade de Santiago de Compostela