Skip to main content

As visións sobre o corpo de cinco alumnas da UVigo abren a programación da Zona C de Santiago en 2022

Concibido inicialmente como un traballo académico, trátase dun proxecto comisariado por dúas estudantes de último curso do Grao en Belas Artes, Aldara Vázquez e Iris Rodríguez, que seleccionaron as obras de cinco artistas e compañeiras de promoción, Raquel Álvarez, Marian Aradas, Tamara Goberna, Andrea Mosquera e Lucía Perdiz, para dar forma a unha mostra que formula unha reflexión sobre o corpo desde diferentes perspectivas.

Vázquez e Rodríguez acompañaron nesta xornada á concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e ao director-xerente do Auditorio de Galicia, Xaquín López, na presentación dos proxectos seleccionados na convocatoria de intervencións artísticas para este espazo. Como informou o Concello, Ausencias, Esencias, Presencias. Diálogos a través dunha reflexión sobre o corpo foi a proposta seleccionada polo xurado, de entre as tres presentadas, nesta modalidade de comisariado, que conta cunha dotación económica de 7000 euros.

Diversidade de miradas e procesos

“O corpo é a nosa forma de expresarnos, o único que espazo que habitamos e que é enteiramente noso”, salienta Vázquez da temática que serve como fío condutor que enlaza ás creacións de cinco artistas e estudantes, “coas que queríamos traballar, porque gústanos moito a liña que están a desenvolver actualmente”, explica. Foi así como naceu un proxecto expositivo que reúne diferentes visións sobre “unha temática coa que todo o mundo se pode sentir identificada” e que busca tamén tanto reivindicar “a diversidade de miradas” das artistas que se forman en Belas Artes como a “diversidade de materias e técnicas coas que traballamos na facultade”, sinala Vázquez.

“É posible que o tema do corpo sexa o máis tratado ao longo da historia da arte, pero pensamos que é necesario mostrar distintas visións, sobre todo de xente nova e mulleres coma nós”, engade Iris Rodríguez. Nese senso, seguindo as liñas trazadas no título, a idea “do ausente, do que non está pero que algunha vez foi habitado” preséntanse na peza escultórica e na serie fotográfica que Andrea Mosquera centra na idea dunha "casa baleirada", mentres que “as esencias” amósanse a través das videoproxeccións e serigrafías de Tamara Goberna e Raquel Álvarez, “que reivindican unha forma de expresarse libres, de ser un mesmo”, explica Vázquez. Por último, a peza en vídeo de Lucía Perdiz e a serie fotográfica de Tamara Goberna permiten deterse nas presenzas, a través de obras “que falan de corpos repousados, de corpos que son visibles, que teñen un peso”.

Un proxecto que naceu como traballo académico

Como explica Vázquez, esta exposición naceu como traballo para a materia Xestión, ámbito artístico e mundo profesional, que imparte o profesor e decano, Xosé Manuel Buxán, e foi a raíz da convocatoria da Zona C, cando estas dúas estudantes pensaron “que sería perfecto aproveitar esta oportunidade e facer o proxecto un pouco máis ambicioso”. De feito, o premio económico acadado fará posible elaborar un catálogo da exposición, á vez que proxectan tamén levar a cabo unha acción na Zona C, aínda por definir, que leve á colaboración das artistas e do público asistente.

“Na facultade aprendemos a desenvolver unha dialéctica e procesos creativos, pero case nunca temos a oportunidade de levar a cabo un proxecto de tal magnitude”, salienta a este respecto Iris Rodríguez. De aí que defina como “unha experiencia moi enriquecedora”, un proxecto que lles leva a abordar “todo o que implica a montaxe dunha exposición”, desde a distribución das obras no espazo, á preparación da cartelería ou do catálogo, ao que se suma a oportunidade de “poder expoñer as pezas das nosas compañeiras”.

Protagonismo para Belas Artes

Ausencias, Esencias, Presencias inaugurase este mércores ás 20.00 horas e poderá visitarse ata o 3 de abril, sendo o primeiro dos proxectos impulsados neste 2022 ao abeiro da convocatoria da Zona C. Por outra banda, entre os tres proxectos escollidos polo xurado na modalidade de creación artística, atópanse tamén as propostas de dúas alumnas de doutoramento de Belas Artes, El jarrón infinito, de Mar Ramón Soriano, e Seguitur, de Julia Huete.
Universidade de Vigo