Skip to main content

Manuel Fraga salienta o esforzo da Xunta para implantar un modelo sanitario propio, moderno e eficaz, adaptado ás necesidades de Galicia

O presidente da Xunta, Manuel Fraga, subliñou en Santiago o esforzo da Xunta de Galicia para implantar “un modelo sanitario propio, moderno e eficaz, adaptado ás necesidades de Galicia”. O titular do Goberno galego fixo estas declaracións na inauguración do II Salón Internacional da Saúde que se celebra desde esta mañá e ata o día 15 de abril no Pazo de Congresos e Exposicións de Santiago.

Na súa intervención, Manuel Fraga subliñou que “a contribución do sistema sanitario ao nivel de saúde e á calidade de vida das persoas é incuestionable” e supón “un dos piares fundamentais que conforman o espazo social e o estado de benestar”, polo que se presenta como un elemento “prioritario entre as preocupacións e accións de Goberno”.

Os avances técnicos e científicos, xunto co aumento da esperanza de vida, fan que na actualidade, e segundo asegurou Manuel Fraga, o sistema sanitario se caracterice pola súa complexidade. Neste sentido afirmou que “aínda que a relación médico-paciente será sempre o núcleo sobre o que se organiza toda a asistencia”, para proporcionar un servizo de calidade precísase, ademais dunha grande organización, “de profesionais competentes e motivados e dos mellores instrumentos e metodoloxías de traballo”.

É neste contexto onde xorde a necesidade de promover iniciativas que supoñan unha mellora constante e unha actualización permanente do sistema sanitario. Trátase dunha necesidade á que a Xunta de Galicia non permanece allea e da que o II Salón Internacional da Saúde é unha mostra. O presidente da Xunta lembrou que foi o Goberno autonómico, a través da Consellería de Sanidade, o que promoveu a creación deste “gran foro internacional”. Preténdese con el, e en palabras de Manuel Fraga, “un achegamento entre o coñecemento e a súa aplicación na organización sanitaria, na asistencia e na tecnoloxía”, e , en definitiva, “contribuír a que os avances se traduzan en melloras do servizo prestado e, polo tanto, da cantidade e calidade de vida dos nosos cidadáns”.

“A celebración deste evento, concluíu Manuel Fraga, estou seguro de que contribuirá á construción dunha sociedade mellor, polas súas achegas ao campo da saúde e ao sistema sanitario”.

CONTIDOS

O II Salón Internacional da Saúde abordará desde hoxe e ata o vindeiro venres, os últimos avances en 40 especialidades e disciplinas relacionadas coa saúde e co sistema sanitario.

Entre os avances que se presentarán figura un novo tipo de sutura que permitiría reducir a taxa de infección cirúrxica e varias novidades en Oncoloxía e Uroloxía, na loita contra os cancros de mama, colon e próstata. Así mesmo, abordarase a resonancia magnética funcional, que ofrece imaxes en tres dimensións; un novo radiofármaco para identificar os déficits dopaminérxicos na enfermidade de párkinson; e un novo concepto de asistencia ventricular mecánica.

Intervirán no salón, tamén, grandes expertos, entre os que figura Valerio Cigaina, o creador dun método adelgazante baseado nun diminuto aparello que, implantado no estómago do paciente e a través dun sistema de electrodos, regula a dixestión e transmite ao cerebro a sensación de saciedade; e Jacques Theron, un dos pioneiros da neurorradioloxía intervencionista.

INTERVENCIÓN DO PRESIDENTE DA XUNTA DE GALICIA NA INAUGURACIÓN DO II SALÓN INTERNACIONAL DA SAÚDE

- “A contribución do sistema sanitario ao nivel de saúde e á calidade de vida das persoas é incuestionable. É un dos piares fundamentais que conforman o espazo social e o estado de benestar e, consecuentemente, prioritario entre as preocupacións e accións de Goberno. Desde a Xunta de Galicia entendémolo sempre así. Sobre a base dos principios emanados da Lei xeral de Sanidade e, máis recentemente, da Lei de cohesión e calidade, desenvolvemos un modelo sanitario propio, moderno e eficaz, adaptado ás nosas necesidades”.

- “Aínda que a relación médico-paciente será sempre o núcleo sobre o que se organiza toda a asistencia, se algo caracteriza hoxe o sistema sanitario é a súa complexidade. Para proporcionar un servizo de calidade precísase, ademais dunha grande organización, de profesionais competentes e motivados e dos mellores instrumentos e metodoloxías de traballo. (...) Por outra parte, ao tempo que se ampliou a esperanza e calidade de vida, as necesidades e problemas que debemos solucionar son cada vez máis, e máis variados. (...) De feito, un dos grandes retos ao que nos enfrontamos é a conformación de equipos profesionais multidisciplinares funcionais”.

- “No contexto desta realidade, a Xunta de Galicia esmerouse sempre en poñer en marcha iniciativas que contribúan a mellorar o desenvolvemento socioeconómico e as condicións de vida da poboación. A través da súa Consellería de Sanidade apostou decididamente por constituír un gran foro internacional, no que cada dous anos participen destacados especialistas para debater os novos coñecementos científicos e avances tecnolóxicos. (...) Pretendemos un achegamento entre o coñecemento e a súa aplicación na organización sanitaria, na asistencia e na tecnoloxía. Contribuír a que os avances se traduzan en melloras do servizo prestado e, polo tanto, da cantidade e calidade de vida dos nosos cidadáns”.

- “A celebración deste evento, que sen dúbida prestixia a Galicia, estou seguro de que contribuirá á construción dunha sociedade mellor, polas súas achegas ao campo da saúde e ao sistema sanitario”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia