Skip to main content

As 'Residencias Paraíso' abren a súa sexta edición para acoller oito novos proxectos de danza e artes vivas

O apoio da Consellería de Cultura, Educación e Universidade a esta iniciativa esténdese tamén á participación da Cidade da Cultura de Galicia, o Centro Dramático Galego e o Centro Coreográfico Galego como tres dos nove espazos culturais que acollerán as diferentes propostas entre os vindeiros meses de abril e outubro.

O programa conta, así mesmo, coa colaboración das entidades xestoras dos restantes escenarios asociados: Teatro Rosalía Castro da Coruña, Pazo da Cultura de Carballo, Centro Torrente Ballester de Ferrol, O Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Narón e a Igrexa da Madalena de Ribadavia.

Propostas de toda a Península

A convocatoria de Residencias Paraíso ábrese ata o 28 de febreiro para a selección de ata oito proxectos de Galicia, do resto de España e, por vez primeira, tamén de Portugal, para os que reserva un importe conxunto de 20.000 euros. Cada unha das estadías terá unha duración de entre dúas e tres semanas nos espazos colaboradores que, pola súa diferentes tipoloxía, favorecen tanto o proceso creativo en todas as súas fases (investigación, escrita, dramaturxia, coreografía etc.) como o traballo de carácter técnico.

Para esta selección, valorarase a integridade e innovación artística das propostas, o seu grado de madurez e solidez, a relación co territorio e as prácticas de programación expandida que poidan acompañar a residencia. O obxectivo é fomentar a investigación e a creación de novas linguaxes contemporáneas, ao tempo que se reforza a rede de colaboración entre os diferentes espazos culturais de Galicia para o impulso deste ámbito artístico.
Residencias Paraíso