Skip to main content

Bota a andar o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia

O CITMAga bota a andar coa vontade de integrar as capacidades científicas do ámbito das Matemáticas, compartindo visión e estratexia e cunha clara aposta pola transferencia de coñecemento. Coa motivación de fomentar unha cultura colaborativa, que busque a excelencia na investigación, a innovación e a formación, CITMAga aspira a converterse nun centro de referencia nacional e internacional, constituíndo unha contorna atractiva para o desenvolvemento científico e profesional.

O reitor Antonio López destacou que as tres universidades públicas de Galicia compiten en diversos ámbitos pero, por enriba de todo, destaca a colaboración que “nos axuda a facer país”, subliñou. As Matemáticas en Galicia constitúen, dixo López, un lugar de referencia tanto na investigación básica, como na aplicada e o CITMAga permitirá integrar as capacidades das tres nunha axenda científica común. Manuel Reigosa, reitor da UVigo, destacou, pola súa parte, que “este vai ser un centro de referencia, hai vimbios, e se somos quen de colaborar, vai ser bo para todo o país”, xa que, en palabras Reigosa, o CITMAga debe constituír “un faro de luz” para toda Galicia. Pola súa banda, o reitor da UDC, Julio Abalde, definiu a xornada como “un día magnífico para o conxunto do Sistema Universitario de Galicia” e amosouse satisfeito, xa que “as tres universidades fomos capaces de poñernos de acordo nun campo fundamental para calquera país moderno”.

A decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, destacou que esta xornada conforma “un punto na liña do tempo da Facultade, un punto singular” e destacou que o CITMAga permitirá “aproveitar o talento senior pero tamén reter a xente máis nova’. Nesta mesma liña, a directora científica en funcións do CITMAga, Rosa Crujeiras, sinalou que este é o froito do traballo de varias xeracións con grande recoñecemento a nivel estatal e internacional. “A liberdade académica para a investigación, a excelencia, a igualdade de oportunidades e trato, a sensibilidade cara os retos globais, a colaboración interna e externa, a ética e rendemento de contas, e a responsabilidade social e o compromiso coa Ciencia en Aberto” conforman os valores sobre os que se artella a folla de ruta deste centro, dixo Crujeiras.

Programa da xornada inaugural

A primeira parte da xornada estivo dirixida ao persoal investigador vinculado, persoal investigador en formación, persoal propio e persoal investigador colaborador do CITMAga, e nela Rosa Crujeiras detallou a axenda científica do centro para o futuro. “A axenda conta con catro áreas de investigación e transferencia, tres delas orientadas a retos globais (sociedade dixital, vida e sustentabilidade e competitividade industrial) e unha área de ciencia e coñecemento que realmente é transversal a todas as demais”, explicou. “Ademais, algo que é moi positivo e que debemos valorar, é que esta axenda permitiu que se interesaran polo centro non só investigadoras e investigadores que veñen do ámbito das matemáticas, senón tamén da física e da enxeñaría”, engadiu.

A continuación, a investigadora Kathryn Hess impartiu a conferencia Topology, group theory, and neurons. Na segunda parte da xornada sucedéronse as reunións entre o Comité Asesor Científico Externo (CACE) e o Comité Asesor Industrial (CAI) e na quenda de de tarde, desenvólvese unha reunión aberta do CACE coa dirección e co persoal investigador.
Universidade de Vigo