Skip to main content

Educando en Xustiza explica a natureza e funcións do poder xudicial a estudantes e profesores

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) colaborarán co Consejo General del Poder Judicial (CGPJ) na implantación do programa “Educando en Xustiza” nos centros de Educación Secundaria galegos.

O conselleiro de Educación, Celso Currás Fernández, o presidente do TSXG, Jesús Souto Prieto, e o vocal e portavoz do CGPJ, Enrique López López, asinaron unha carta de intencións para a posta en marcha desta iniciativa en Galicia.

“Educando en Xustiza” pretende achegar o mundo do poder xudicial en España aos alumnos de ESO e Bacharelato así como aos seus profesores, de maneira que sexan capaces de comprender o seu significado, funcións e actuacións, sendo conscientes do valor crucial do mesmo nun estado de dereito.

No curso actual vaise levar a cabo este programa en catro centros educativos galegos, un por provincia, se ben para o ano próximo ampliarase o número de centros participantes.

EDUCACIÓN EN VALORES

En definitiva, consiste en estimular, potenciar e consolidar os valores democráticos entre os futuros cidadáns maiores de idade, o que reforzará o seu senso da responsabilidade cívica cara a vida en sociedade. Outro aspecto de interese é que se garante que os mozos e mozas galegas comprendan, por exemplo, as numerosas novas que a diario os medios de comunicación dedican a asuntos relacionados coa Xustiza, desenvolvendo un sentido crítico ante as mesmas.

Neste sentido, Currás sinalou o sentido profundamente didáctico desta iniciativa e destacou a súa importancia ao seren a Xustiza un dos valores superiores expresados polas constitucións española e europea. Así mesmo, concibiu esta actividade coma unha medida máis para mellorar a convivencia nos centros docentes, que se ven sumar a outras que está a levar a cabo a consellería que dirixe. Entre elas, está a próxima creación dun observatorio autonómico sobre convivencia, a promoción periódica de estudos para determinar a situación real nas aulas ou a realización de campañas de sensibilización.

XUÍZOS SIMULADOS E REAIS

O programa consta de dúas fases. Na primeira, dirixida a alumnos dos tres primeiros cursos da ESO, varios xuíces e maxistrados visitarán centros de ensino para colaborar nun exercicio de simulación dun xuízo, no que participarán os estudantes.

Previamente á simulación, o profesor explicará aos seus alumnos o significado e funcionamento da Administración de Xustiza, mediante o material facilitado polo CGPJ e pola Consellería de Educación, consistente en dous vídeos didácticos e un detallado guión explicativo ao que se axustará a representación do devandito simulacro de xuízo.

En canto á segunda fase, está dirixida a alumnos de último curso de ESO e aos de Bacharelato, e consistirá en visitas aos órganos xudiciais radicados na comunidade autónoma galega, así como a presenza en xuízos reais.

Tamén neste caso, con anterioridade á visita o profesor impartirá entre os alumnos unha serie de contidos que mellorarán a súa comprensión acerca do mundo da Xustiza e da súa vital importancia nunha sociedade democrática. O material da segunda fase consta dun folleto para os estudantes, unha guía explicativa para o profesor e un DVD de 9 minutos de duración, no que se fai un repaso aos elementos básicos da Xustiza.



Gabinete de Comunicación da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia