Skip to main content

'Pint of Science' regresa a Vigo centrándose na divulgación do corpo humano, a sociedade e o planeta Terra

O bar Cañaveral da Porta do Sol de Vigo será o escenario de seis charlas, dous por día, que abordarán cuestións relacionadas co corpo humano, a sociedade e o planeta Terra. As 20.00 é a hora de inicio das tres tardes dedicadas á divulgación científica, que mobilizarán a preto de 400 científicos e científicas en toda España, que se sitúa como primeiro país do mundo con maior participación neste evento científico.

Microbiota, obesidade e océano antártico da man de investigadores da UVigo

A investigadora do Centro de Investigacións Biomédicas da UVigo (Cinbio) Nuria Estévez Gómez abrirá o luns 9 de maio ás 20.00 horas a primeira sesión do Pint of Science en Vigo co relatorio titulado Microbiota: algo máis que microorganismos, no que abordará o papel fundamental que a flora intestinal xoga na saúde e no día a día. Ás 21.00 horas será a quenda para o catedrático de Endocrinoloxía da UVigo Federico Mallo Ferrer, que ofrecerá unha charla titulada Homo Obesus, na que abordará a progresiva ganancia de peso que sufre a humanidade.

O martes, dedicado a nosa sociedade, Belén Varela Romero, docente e investigadora da Universidade de A Coruña falará no seu relatorio A ciencia do bo traballo, de psicoloxía para gañar produtividade e saúde laboral. Pola súa banda, o catedrático de Xenética da Universidade de Santiago de Compostela Gonzalo Álvarez Jurado unirá historia e xenes na súa charla O feitizo xenético dos Austrias, na que analizará as consecuencias da elevada consanguinidade que tanto marcaron esta dinastía.

A derradeira sesión de Pint of Science estará protagonizada polo catedrático de Ecoloxía e Bioloxía da UVigo Jesús Souza Troncoso, que no seu relatorio Extra, extra, atopamos un molusco xigante na Antártida: diversidade bentónica nun mar xeado, achegará aos asistentes ao océano antártico para coñecer a súa diversidade e como se investiga nese lugar. O peche do festival correrá a cargo de Tito Peleteiro Alonso, científico do Instituto Español de Oceanografía de Vigo, que analizará as diferenzas entre o peixe de crianza e o de extracción, nunha charla titulada Peixe de crianza? Si, grazas!

A entrada a todas as charlas do festival é libre e gratuíta ata completar a capacidade do local.

Universidade de Vigo