Skip to main content

López Veiga inaugurou a ampliación das oficinas da Confraría de Muros

O conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, Enrique López Veiga, inaugurou a ampliación e reforma das oficinas da Confraría de Pescadores de Muros e asistiu á entrega ó pósito desta vila dun novo sistema para a varada de barcos.

Ámbalas dúas actuacións están incluídas no Plan de Desenvolvemento Pesqueiro de Muros, que xa foi asinado polo conselleiro de Pesca e o patrón maior, José Antonio Lago, en febreiro de 2004.

As obras nas oficinas do pósito, nas que López Veiga descubriu unha
placa conmemorativa, contaron cun presuposto de máis de 64.000 euros. A
Consellería de Pesca financiou a modernización do edificio para dotar ó
pósito de maior espacio e equipamento informático mediante o
acondicionamento do local anexo da segunda planta do edificio. Deste xeito,
a Confraría poderá atender as necesidades dos seus socios en mellores
condicións.

Ademais, López Veiga asistiu á entrega dun novo sistema autopropulsado
para a varada de embarcacións. Entre as vantaxes e as novidades deste
moderno sistema, en relación coas prestacións que ofrecen actualmente os
tradicionais carros varadoiros e mailas grúas pórtico que operan nos portos
do litoral galego está a súa ampla capacidade para trasladar os buques ata
os puntos máis distantes e para manobrar mellor con eles, desprazándoos
segundo conveña e aínda que se dispoña de moi pouco espacio. Asemade, a súa
instalación nos espacios portuarios non require dunha obra civil custosa;
non se necesita facer un foso como o destinado a instalar as grúas pórtico,
nin tampouco se precisan os raíles para o seu desprazamento. O custo do
“sublift” foi de máis de 274.000 euros.

Entre as actuacións xa finalizadas do citado Plan de portos figuran a
dotación dun vehículo isotermo e dunha lancha para o control e limpeza dos
bancos marisqueiros. Ademais, instalouse un depósito para o almacenamento
do subministro de xeo.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia