Skip to main content

Un equipo da USC deseña unha nova estratexia inmuno-terapéutica na loita contra o cancro

Publicado na prestixiosa revista Journal for Immunotherapy of Cancer, o estudo demostra que o bloqueo de receptores A2B de adenosina permite reactivar o sistema inmunitario devolvéndolle a súa efectividade na loita fronte a tumores.

O traballo demostrou o notable efecto inmunosupresor que xoga o receptor A2B de adenosina no microambiente tumoral, así como os beneficios derivados do seu bloqueo no contexto da inmunoterapia do cancro. O tratamento cos novos fármacos reduce a supresión das células do sistema inmunolóxico no microambiente tumoral e incrementa a infiltración dos linfocitos no tecido, cunha importante remisión do tumor.

Novos fármacos

O traballo tamén desvelou o potente efecto anticanceríxeno de dúas familias de fármacos desenvolvidos na USC, o que abre a porta a innovadores tratamentos. A inmunoterapia do cancro, baseada na reactivación do sistema inmunitario do paciente para combatelo, constitúe unha das estratexias terapéuticas máis efectivas e disruptivas. Para neutralizar o bloqueo do sistema inmunitario inducido polas células canceríxenas, utilízanse anticorpos monoclonais, proteínas artificiais que actúan como anticorpos humanos, os cales teñen unha complexa produción e elevados custos, o que dificulta o seu uso extensivo. Neste sentido, o desenvolvemento de fármacos capaces de actuar como estes anticorpos constitúe unha estratexia nova que abre a porta a tratamentos innovadores e combinacións sinérxicas.

O estudo levouse a cabo por varios equipos a nivel mundial. Alén de Eddy Sotelo, para este proxecto uníronse investigadores da USC no CiQUS, CiMUS —a través do grupo BioFarma que dirixe Mabel Loza—, e da Facultade de Farmacia da USC como é o caso de Xerardo García Mera. Ademais, a alianza tamén contou con investigadores do Karolinska Institutet, da Universidade de Uppsala e da Universidade Tecnolóxica de Singapur.
Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da USC (CiQUS) - USC