Skip to main content

Galicia participa na Eurovisión das cancións escritas por intelixencia artificial co tema AI-LALELO

O tema AI-LALELO participará no AI Song Contest, un festival impulsado en 2020 pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Esta será a primeira vez que unha canción galega participe no concurso. No caso de superar a semifinal, na que só se conta co voto do xurado, AI-LALELO competiría nunha hipotética final na que a cidadanía poderá votar.

A canción, creada por este equipo a través da intelixencia artificial, pretende ser unha homenaxe ás mulleres que impulsaron Galicia e a súa tradición, lingua e cultura. O tema mestura raíz e modernidade, cunha base nas cantigas medievais galegas pero cun toque futurista grazas ao uso da intelixencia artificial na súa composición. Ademais, a canción busca transmitir a responsabilidade da cidadanía para que a identidade e a tradición galega continúen vivas.

A letra da canción, coas voces de Camille Hédouin (Mounqup), Mónica de Nut e Eva e Xandre Outeiro, narra a historia dunha costureira, unha muller galega de finais do século XIX quen, por mor da situación socioeconómica da época, compaxina o seu oficio artesanal con labores domésticos e do campo. O tema explica a situación da muller nas distintas estacións do ano, cunha personaxe cada vez máis escura, ata chegar a unha especie de aquelarre.

Ademais, o equipo leva o nome de “Ana María Prieto”, unha homenaxe á primeira muller programadora informática galega. O grupo de traballo está formado por profesionais como Juan Alonso, tecnólogo en machine learning e redes neuronais; Sofía Oriana, doutora en Composición en IA e compositora de Elisa y Marcela (2019) de Isabel Coixet; Xandre Outeiro, produtor de bandas sonoras e músico no Projeto Trépia; David Santos, doutor en Telecomunicacións e músico, arranxista e compositor; Marta Verde, artista dixital responsable dos visuais de Tanxugueiras no Benidorm Fest e profesora asociada no Berklee College of Music de València; e Joel Cava, responsable creativo de Cecubo Group.

Proceso creativo

O proceso para compoñer a canción durou catro meses, comezando por lograr que a computadora aprendese a falar galego e a compoñer unha copla, a partir dunha achega de 400 cantigas do arquivo dixital Volai-vai. No relativo á letra, a propia máquina xerou os primeiros versos, cunha temática como fío argumental: a costureira nas distintas estacións do ano. Neste aspecto só foi necesario corrixir algunha falta de ortografía e adaptar algunha frase.

A melodía está feita a partir da copla popular A Costureira, a partir da cal, o propio ordenador xerou diferentes liñas melódicas con Google Magenta. No relativo á música, graváronse instrumentos e utensilios de labranza que se procesaron polo sistema DDSP, conseguindo unha zanfona, pandeireta, bombo, sacho, prato, tixola e lata de xeito artificial.

Xa na fase final, engadíronse as voces, un baixo e unha arpa de boca ao natural, ademais de realizarse procesamento de audio con algoritmos. Por último, elaborouse o videoclip da canción con intelixencia artificial, reinterpretando unha escolma de escenas típicas galegas.

Co resultado final, o grupo de traballo concluíu que a dispoñibilidade dunha ferramenta adestrada en IA podería supoñer un seguro cultural para a música tradicional galega. Tamén descubríronse, coa obtención de liñas melódicas moi próximas ao estilo trobadoresco, fortes vínculos históricos entre a música de raíz conservada nas aldeas e o corpus musical altomedieval galego-portugués.

Sobre o AI Song Contest 2022

O AI Song Contest naceu en 2020 impulsado pola radio e televisión pública neerlandesa VPRO, coa supervisión da Unión Europea de Radiodifusión, o organismo encargado do Festival de Eurovisión. Despois de dous anos en marcha, Galicia estréase nesta terceira edición do certame, organizado pola comunidade científica á marxe da grande pantalla. Se o país supera co beneplácito do xurado a semifinal interna de máis de 100 propostas este próximo 15 de xuño, vaise chamar á cidadanía a votar en masa pola canción galega.

Só 15 candidaturas clasificaranse na gala final que terá lugar o seguinte 6 de xullo na Wallifornia Music & Innovation Summit de Liège (Bélxica), a feira da música escrita por intelixencia artificial por excelencia. Un panel de expertos en IA e o televoto decidirán o gañador. Australia venceu o concurso inaugural con Beautiful The World, oda eurovisiva adicada á fauna e flora autóctonas tras sufrir o continente oceánico en 2019 os seus peores incendios, mentres Estados Unidos triunfou o ano pasado con Listen To Your Body Choir.
2022-06-01