Skip to main content

A Xunta de Galicia destinou 153 M€ á formación profesional ocupacional nos últimos catro anos

Os fondos destinados pola Xunta de Galicia á formación profesional ocupacional incrementáronse no período 2001-2004 nun 15,23%, o que supuxo un orzamento de 153 millóns de euros e un total de beneficiarios de 144.000 persoas. Así o destacou a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, Belén Prado, durante a entrega de dimplomas aos alumnos dos cursos FIP, impartidos pola pola Asociación Industrial Metalúrxica do Noroeste (AIMEN) no 2004.

Na súa intervención, a titular de Emprego afirmou que as capacidades e cualificacións dos galegos constitúen o principal recurso da Comunidade e son un elemento clave para acadar o pleno emprego. Por iso, segundo Belén Prado, resulta esencial que cada persoa adquira as capacidades fundamentais para o traballo e para a vida e que poida melloralas e desenvolvelas de xeito permanente. Con este afán, asegurou a conselleira, se traballa desde a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

CURSOS

O departamento autonómico achegou o pasado ano 180.000 euros a AIMEN para o desenvolvemento de 6 cursos: 3 de técnico en control de calidade de 434 horas cada un; 2 de analista físico-químico instrumental de 309 horas cada un e 1 curso de analista de formingóns de 269 horas de duración. Ademais, AIMEN tamén contou coa colaboración de Asuntos Sociais para o desenvolvemento de tres cursos do Fondo Social Europeo de carácter experimental e e outras accións complementarias á formación.

A Consellería de Emprego vén colaborando desde hai anos con AIMEN, tanto na impartición de accións formativas de carácter tecnolóxico e de calidade, como, máis recentemente, na elaboración de estudios para o perfecccionamento das cualificacións profesionais. Neste sentido, a conselleira sinalou que a fructífera colaboración realizada ata o momento vaise intensificar con novos proxectos e actuacións que redundarán en beneficio dos traballadores galegos.
LIÑAS DE ACTUACIÓN

AIMEN, que conta na actualidade con máis de 60 empresas e proporciona servizo a máis de 400, ten como liñas de actuación principais atender ás necesidades tecnolóxicas das empresas, así como investigar e desenvolver materiais dentro das tecnoloxías de unión e tranferir os resultados desas investigacións á industria. Outro dos seus cometidos fundamentais é a formación tanto dos futuros traballadores como a reciclaxe e actualización dos traballadores en activo.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia