Skip to main content

O investigador da UDC Jesús Mosquera describe na revista Science un fenómeno químico nunca observado antes que excede os límites da razón

O pasado 8 de xullo, Jesús Mosquera, investigador Ramón y Cajal no grupo NanoSelf do CICA da Universidade da Coruña (UDC), publicou un artigo en Science, unha das revistas científicas máis prestixiosas do mundo.

O traballo publicado en colaboración coa Universidade Tecnolóxica de Eindhoven (TU/e) describe un fenómeno químico nunca antes observado e que, en certa maneira, excede os límites da razón. Os investigadores descubriron que, engadindo máis auga a unha disolución acuosa de certos compoñentes (sol), sorprendentemente a mestura pasa a estado sólido (xel).

Trátase dun resultado totalmente imprevisto, xa que se esperaría que, a maior cantidade de disolvente engadido, máis líquida quede a mestura. Non obstante, os investigadores demostraron que isto pode non ser así, e a este fenómeno o denominaron “transición sol-xel”, xa que hai unha transformación dun estado a outro. «Basicamente rompemos o mito de que a disolución conduce a unha menor interacción entre moléculas e, polo tanto, a un estado máis líquido, onde as moléculas quedan diluídas. Neste traballo, atopámonos un bonito exemplo do contrario debido á interacción entre dous sistemas [supra]moleculares con estruturas químicas completamente diferentes» explica Mosquera.

O termo supramolecular alude a aquelas moléculas capaces de interaccionar consigo mesmas, e con outras moléculas, para formar complexos por medio de enlaces débiles reversibles. Nas nosas células atópanse estes complexos moleculares desempeñando roles fundamentais para a supervivencia, como a división celular ou a replicación do ADN. Así, este mecanismo de interacción, a primeira vista contraintuitivo, podería explicar certos fenómenos que ocorren de maneira natural no noso organismo. Por exemplo, sábese que existen orgánulos sen membrana que regulan procesos vitais para a célula, como os corpos de Cajal ou os gránulos de estrés. Como se forman ou como se dilúen son preguntas que están sen responder, e o descubrimento in vitro deste fenómeno podería ser clave para entender estes condensados biomoleculares.

Como moitas veces ocorre en investigación, uns experimentos derivan en outros insospeitados, e é que os autores do traballo, Jesús Mosquera e a súa colega Lu Su, fixeron esta observación por casualidade. «Estabamos avaliando a interacción entre dúas unidades tipicamente usadas na química supramolecular cando nos atopamos con este fenómeno», recoñece Mosquera.

Sobre o CICA

O CICA é o Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía creado na Universidade da Coruña en 2015. Conta con máis de 150 investigadores/as organizados/as en tres áreas científicas que van desde a biomedicina ata a ciencia dos materiais. A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión de coñecemento á sociedade forman os tres piares sobre os que se fundamenta o centro de investigación. É recoñecido pola atracción de talento, a visibilización da muller científica e a promoción da igualdade de xénero, contando cunha presenza feminina superior ao 50%.
Universidade da Coruña