Skip to main content

USC e RAG estrean 'Superheroínas', sete novas voces femininas que promoven o uso cotián do galego

Nesta segunda tempada as protagonistas son a poeta Alba Cid, a cantante Andrea Pousa, a creadora de videoxogos Laksmy Irigoyen, a xornalista Esther Estévez, a instagramer Paula Jorge Horta, a fotógrafa Antía Castro e a propia Lucía Freitas, nunha proposta de pezas breves dirixida por José Manuel Diego Ferreira, alumno de 4º de Xornalismo no momento en que se levou a cabo como parte do seu traballo fin de grao (TFG).

O vídeo da cociñeira distinguida cunha estrela Michelin pode xa verse xa na canle de YouTube da USC. Nas vindeiras semanas iranse estreando os demais episodios dunha serie que pretende “desacralizar e levar a contraria”, explica o director. “Levámoslles a contraria aos medios de comunicación porque non nos dan oco á xente nova. Ademais é un proxecto que lle leva a contraria a ese discurso de lingua como peza de museo, e é un proxecto que busca apoderar a muller, que busca amosar unha muller que usa o idioma no seu día a día”, enumera José Manuel Diego Ferreira no vídeo de presentación da serie.

Lucía Freitas (Santiago de Compostela, 1982) reivindica en ‘Superheroínas’ o traballo feminino, a cociña galega e a lingua do país. “Cociñamos Galicia”, di da nova fornada de cociñeiros e cociñeiras de éxito. Alba Cid (Ourense, 1989), galardoada co premio nacional para poetas menores de 31 anos do Ministerio de Cultura, confesa que a escolla do galego como lingua de expresión literaria foi froito dun “exercicio de claridade e de coherencia” consigo mesma. “A min o galego abriume portas en todos os países lusófonos”, engade a cantante Andrea Pousa (Tomiño, 1990). Laksmy Irigoyen (Maó, 1979, con raíces en Salvaterra de Miño), produtora xefa do videoxogo The Waylanders, inspirado na Compostela medieval, reflexiona tamén sobre o valor engadido da lingua e da cultura propias na creación de contidos exportables e de éxito; a instagramer Paula Jorge Horta (Burela, 1989) réstalles importancia aos comentarios nas redes sociais baseados nos prexuízos lingüísticos; Esther Estévez (Verín, 1997) fala da súa experiencia á fronte do programa da TVG Dígocho Eu e Antía Castro (Santiago de Compostela, 1999), veciña de Vedra e superheroína máis nova, define a lingua como a súa fonte de inspiración e parte esencial da súa identidade persoal.

Presentación ante o alumnado

O vicerreitor de Profesorado da USC e académico correspondente, Ernesto González Seoane; o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; a decana de Ciencias da Comunicación, Ana Isabel Rodríguez Vázquez; e cinco protagonistas da serie e o seu director participaron este venres na presentación celebrada no centro. Foi un acto que contou coa asistencia do alumnado, o zume do que se nutre ‘Novas voces para a lingua’ a través de traballos fin de grao, titorizados dende a propia Facultade e que contan tamén co apoio da RAG en distintas fases da produción e da realización.

Ana Isabel Rodríguez salientou a confianza que a RAG depositou na Facultade, permitíndolle abrir un camiño que é “un valor engadido na motivación do alumnado ao sentirse partícipe dun proxecto que, desde a definición inicial, ten xa un marcado horizonte na difusión real”. “Isto desenvolve non só a ilusión e o interese, senón tamén a responsabilidade de aprender nas aulas todo o necesario que permita ofrecer produtos cun acabado de calidade, tanto nos contidos como na estética final. E facelo, ademais, contribuíndo a un ben final común: o compromiso coa lingua”, detalla.

“Este acordo entre a Real Academia Galega e a Facultade de Ciencias da Comunicación da USC nace coa intención de darlles voz aos novos creadores e creadoras que, no ámbito da comunicación e do audiovisual, queren amosar o seu compromiso coa lingua galega”, lembra Víctor F. Freixanes. “Escollemos alumnos e alumnas que se gradúan na facultade con TFG. Nesta segunda entrega, eliximos sete producións breves de José Manuel Diego porque reflicten unha nova realidade: mulleres novas que dende distintas actividades e coñecementos se manifestan abertamente a prol da práctica do idioma galego, algo que define con esperanza un horizonte novo”, xustifica. O presidente da RAG agradece a implicación da decana, titora do proxecto, que na primeira edición contou coa colaboración do profesor Gaspar Broullón e desta volta coa da profesora Alba Silva.

O acto contou tamén coa intervención de Xurxo Salgado, profesor coordinador de ‘Neofalantes’, o proxecto que protagonizará a terceira edición de ‘Novas voces para a lingua’; e coa presenza de parte do equipo de Conseguiremos, a primeira produción da RAG e a USC no marco deste acordo. A serie, dirixida por Paula Quiroga, guionizada por Lois Alcayde e producida por Meritxell Álvarez, foi protagonizada pola futbolista Vero Boquete en conversa con Víctor Pérez Currás; os músicos Baiuca e Laura Lamontagne; o director de cine Andrés Goteira e Sara Hermo; as actrices e dramaturgas da Panadaría Teatro e o tamén actor Daniel Celester, e a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga acompañada do xenetista Ángel Carracedo. Tanto ‘Superheroínas’ como ‘Conseguiremos’ son proxectos realizados co apoio económico da Xunta de Galicia.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)