Skip to main content

A UDC acolle un encontro internacional para analizar a incidencia do cambio climático na saúde e na vida das persoas

O vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, inaugurará o encontro este luns, 21 de novembro, ás 10:00 horas, xunto co director da Escola, Plácido Lizancos, a coordinadora do grupo de investigación, Cristina García Fontán e o profesor e investigador deste grupo, Ricardo García Mira.

O encontro tratará sobre todo temas de actualidade relacionados co cambio climático e a incidencia na saúde e na vida das persoas. Ademais amosaranse resultados de investigación de varios estudos do grupo relacionados co proxecto Entrances.

Dentro do programa do encontro “Strategies for Mitigating Climate Induced. Health Threats and Risks” destacan relatores como Yurika Yokoyama, da Universidade de Tokyo, “A realidade do risco despois do desastre: algunhas reflexións sobre o desastre de Fukushima”, o día 21 ás 12:00 horas; Graciela Tonello, da Universidade Nacional de Tucumán (Arxentina), “Cambio climático e saúde, estratexias de investigación en Arxentina”, día 22 ás 12:00 horas; ou Gary Evans, da Universidade de Cornell (Nova York, Estados Unidos), día 23 ás 12:00 horas.

Sobre o proxecto Entrances

Entrances é un proxecto de investigación europeo financiado polo programa de investigación e innovación Horizonte 2020 da Unión Europea. Ten como obxectivo formular un conxunto de recomendacións para tratar o problema da transición de enerxía limpa na minería do carbón europea e das rexións intensivas en carbono. Está coordinado pola Universidade da Coruña e participan universidades e entidades de investigación de Italia, Alemaña, Austria, Noruega, Bélxica, Polonia, Romanía, Portugal, Francia, Eslovaquia e Reino Unido.
Universidade da Coruña