Skip to main content

O proxecto Fakelocal analiza o impacto das noticias falsas na política local e autonómica

Xosé Rúas e Ana Belén Fernández Souto lideran esta investigación que integra unha vintena de figuras expertas de diferentes ámbitos, entre as que se contan Paulo Carlos López, Alba Silva Rodríguez, Xosé López García e Isaac Maroto González, da USC, canda persoal investigador das universidades da Coruña, Sevilla e Málaga, e integrantes da Central European University de Viena, a Universitá degli Studi de Milán e da Universidade do Porto.

“Queremos ver o impacto que ten a desinformación a nivel rexional e local”, salienta o coordinador Xosé Rúas ao tempo que incide en que se trata dunha cuestión pouco explorada malia que “as crises por desinformación non só parten do ámbito global cara o local”, senón que poden darse tamén na dirección inversa, na que a difusión das denominadas fake news se centra en cuestións de interese local, “coa intención de expandirse”. 

Mapeamento da desinformación

Cara a ese fin, salienta Rúas, o proxecto desenvolverá unha cartografía de axentes e medios vencellados á desinformación a través da realización dunha enquisa a responsables dos gabinetes de comunicación das 17 comunidades autónomas, dos 52 gobernos provinciais e das 65 cidades recollidas no ámbito de aplicación da Lei de Medidas para a Modernización do Goberno Local de 2003.

Procederase tamén a identificar as principais crises nos gobernos autonómicos e municipais derivadas da difusión de noticias falsas. Ademais, acometeranse análises de contido co gallo de evidenciar as “mensaxes máis compartidas e comentadas”, explica Rúas, alén de avaliar o impacto e alcance das principais desinformacións —sobre todo nas redes sociais, coa idea de definir estratexias e recursos que axuden a reducilos.

Na súa diagnose, Fakelocal atenderá tanto os axentes da comunicación institucional como o impacto mediático, co gallo de definir un mapa situacional sobre a xestión de desinformación en España, que permita, por exemplo, recoñecer que medios e fontes son fiables, así como identificar as principais temáticas relacionadas coa xestión das corporacións locais e comunidades autónomas afectadas pola difusión de noticias falsas, apunta o coordinador.

Ferramentas de verificación e manuais de boas prácticas

Os albos do proxecto inclúen a formación de profesionais en técnicas e ferramentas cara á verificación de datos así como a elaboración dunha guía de boas prácticas de utilidade para administracións públicas e xornalistas. Neste punto, a investigación conecta con DebaTrue, unha investigación da UVigo cara á formulación dunha aplicación en liña contra a desinformación no debate político, na que tamén topa a parte a USC. 

Alcance internacional

Finalmente, indica o coordinador, a participación en Fakelocal de persoal investigador de diferentes países permitirá levar a cabo un “estudo comparativo dos efectos da desinformación en corporacións locais de España, Italia, Francia, Alemaña e Inglaterra”, e a participación de entidades como a Asociación de Televisións Rexionais Europeas (Circom) posibilitará medir o impacto da desinformación entre entidades mediáticas da contorna europea.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)