Skip to main content

A Universidade da Coruña estrea unha plataforma de educación en aberto

A UDC estrea esta plataforma no enderezo https://udcaberta.udc.gal/ co MOOC Xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural, no que participan oito socios europeos nunha iniciativa coordinada polo profesor da Facultade de Socioloxía da UDC, Manuel Docampo. Conta coa colaboración de Akademia Humanistyczno-Ekonomiczna w Łodzi (Polonia), Centro Italia (Italia), Fundación Uxío Nononeyra (España), GRM Novo Mesto (Eslovenia); Timesis Ltd – Montepisano DMC (Italia), UC Limburg (Bélxica), e a Universidade Católico Portuguesa (Portugal).

O curso Xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural ofrece unha aprendizaxe para o desenvolvemento das competencias necesarias para afrontar o reto da xestión creativa do patrimonio e a paisaxe cultural nas zonas rurais a medio e longo prazo. O seu obxectivo é formar aos participantes na xestión cultural e dinamización de maneira transversal, participativa e innovadora, comezando polo recoñecemento do valor estratéxico do patrimonio rural para conseguir territorios máis cohesivos e integrados, con maior participación social.

O curso está estruturado en catro módulos de aprendizaxe máis un módulo inicial para a introdución e un final destinado á avaliación. En cada un dos módulos o alumnado terá acceso a unha serie de leccións con materiais comúns como vídeos explicativos ademais de recursos de apoio escritos e actividades complementarias. O estudantado precisará aproximadamente un total de 20 horas de aprendizaxe ou cinco semanas para completar o curso.

Está destinado a técnicos e xestores de turismo ou patrimonio; coordinadores e monitores socioculturais; expertos e profesionais relacionados co desenvolvemento local, turismo cultural e patrimonio; estudantes e profesionais que precisen reciclarse cara novos tipos de turismo; emprendedores, habitantes do rural en xeral, graduados en Paisaxe e Historia da arte así como a persoas interesadas na materia.

Non se precisa experiencia laboral nin coñecemento previo. O curso é gratuíto.

Este MOOC foi financiado por un proxecto Erasmus+ de dous anos de duración, dentro do marco do programa da UE Erasmus+KA227 para a educación, formación, xuventude e deporte: Territorios que conectan. Especialización intelixente na xestión creativa do patrimonio e a paisaxe rural (Creahlands). Un total de oito socios europeos estiveron envoltos no seu desenvolvemento: Universidade da Coruña (SP) (coord.), Akademia Humanistyczno-Ekonomiczna w Łodzi (PL), Centro Italia (IT), Fundación Uxío Nononeyra (SP), GRM Novo Mesto (SI), Timesis Ltd – Montepisano DMC (IT), UC Limburg (BE), e a Universidade Católico Portuguesa (PT).
Universidade da Coruña