Skip to main content

A USC súmase a EUniWell, a Universidade Europea do Benestar

A institución compostelá intégrase neste consorcio e súmase á listaxe de nove institucións que xa formaban parte da alianza: Birmingham, Cologne, Florence, Konstanz, Murcia, Linnaeus University, Nantes Université, Semmelweis University e Taras Shevchenko National University of Kyiv.

“Queremos facer unha contribución tanxible ao desenvolvemento de EUniWell como unha universidade europea verdadeiramente integrada e de pleno dereito que teña un impacto social significativo dentro da UE e que tamén se estenda ás rexións periféricas con pobos pequenos, poboacións dispersas e áreas predominantemente rurais para apoiar a estas rexións no desenvolvemento do seu potencial”, afirmou o reitor Antonio López. Coa incorporación da Universidade compostelá, EUniWell pasa a estar integrada por 330.000 estudantes e case 60.000 membros procedentes dos respectivos cadros de persoal das institucións que a compoñen.

EUniWell, unha das preto de medio cento de alianzas universitarias financiadas dende 2020 pola Comisión Europea ao abeiro do programa ERASMUS+, utilizará a fortaleza colectiva para dar forma ao futuro da educación superior en Europa situando o benestar no centro da súa actividade investigadora, docente e de intercambio internacional. Co seu enfoque no benestar, EUniWell responde ao convite do Consello da Unión Europea para que os estados membros adopten un enfoque horizontal, intersectorial e baseado no coñecemento para promover a 'Economía do Benestar'.

En novembro de 2020, EUniWell entrou na súa fase piloto de tres anos durante os cales pretende desenvolver unha axenda común de investigación e docencia sobre o benestar, a nivel rexional, europeo e mundial.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)