Skip to main content

Trinta participantes inscríbense no programa da UDC de emprendemento universitario Explorer que promove Banco Santander

O programa, xa iniciado, que se estenderá ata finais do mes de abril contou coa inauguración a pasada semana de María José Lombardía Cortiña, vicerreitora de Estudantes, Participación e Empregabilidade; Ramón Bolado Ríos, director Comercial e de Relacións Institucionais Santander Universidades; Gonzalo Arias Barrientos, presidente de Secot A Coruña, en representación das persoas mentoras dos proxectos e Estefanía Mourelle Espasandín, adxunta da Vicerreitoría de Estudantes, Participación e Empregabilidade.

Durante doce semanas os emprendedores traballarán sobre a súa idea de negocio transformándoa nun proxecto económico sostible de distintos sectores industriais. O programa Explorer está dirixido ao alumnado e titulados universitarios de 18 a 31 anos, en dez países, que teñan unha idea de negocio que contribúa a lograr os obxectivos de desenvolvemento sostible para o ano 2030.

Explorer, cunha duración de 12 semanas, permite aos participantes conectar cunha comunidade internacional, recibir formación online e presencial con metodoloxía “learning by doing”, mentoría por parte de expertos, validar a súa idea de negocio e desenvolver as habilidades necesarias para transformala nunha solución viable e sustentable. Unha vez finalizado o proceso de formación, o alumnado que complete as actividades do programa recibirá un certificado de participación. Ademais, o proxecto que sexa seleccionado gozará dunha semana nun hub de emprendemento en Valencia en maio de 2023 co resto de Fellows Explorer.

A Universidade da Coruña participa neste proxecto por oitavo ano consecutivo. Nesta edición admitíronse 30 participantes con 26 proxectos, ademais de 33 persoas mentoras. Dos proxectos presentados, dez son de titulados do Campus Industrial de Ferrol. O nivel de estudos dos participantes é de grao (17); máster (12) e doutoramento (1). O alumnado participante procede de titulacións moi diversas, Xestión Industrial da Moda; Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto; Enxeñaría Informática; Administración e Dirección de Empresas; Máster en Dirección e Administración de Empresas (MBA); Doutoramento en Física Aplicada; Enfermaría, Económicas, Enxeñaría Mecánica, Turismo ou Máster Industria 4.0 entre outras.

Os proxectos presentados enmárcanse dentro dos sectores de medios de comunicación, produción e distribución; medio ambiente, sustentabilidade e xestión de residuos; actividades especializadas en deseño e moda; comercio minorista, tendas; saúde, medicina, enfermaría e traballo social; ensino, educación e formación e deporte, fitness e ocio, entre outros moitos ámbitos.

Banco Santander e o seu apoio á educación superior

Banco Santander mantén un firme compromiso co progreso e o crecemento inclusivo e sustentable cunha aposta pioneira e consolidada pola educación, o emprendemento e o emprego, que desenvolve a través de Santander Universidades desde hai máis de 25 anos e lle distingue do resto de entidades financeiras do mundo. Desde a súa posta en marcha, o banco destinou máis de 2.100 millóns de euros e apoiou a máis de 790.000 estudantes, profesionais e proxectos emprendedores a través de acordos con preto de 1.000 universidades e institucións de 15 países.

CISE

O Centro Internacional Santander de Emprendimiento, CISE, fomenta o espírito emprendedor e impulsa a xeración de startups. Co apoio do Banco Santander, a Universidad de Cantabria e o Goberno de Cantabria, desenvolve múltiples programas que estimulan a creatividade das persoas, a creación de empresas e a innovación.
Universidade da Coruña