Skip to main content

Intelixencia artificial verde, por un desenvolvemento tecnolóxico sostible

A investigación en feminino ten un destacado papel no CITIC da UDC. Máis do 30% do persoal investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e das Comunicacións son mulleres, unha porcentaxe por riba da media no sector TIC, no que o emprego feminino ronda o 20% e no que as estudantes de enxeñaría informática non supera o 15%.

Un dos exemplos é o de Verónica Bolón, especialista en intelixencia artificial (IA), que traballa na actualidade nos chamados algoritmos verdes. Trátase dunha liña de estudo pioneira en Galicia e centrada no desenvolvemento de solucións tecnolóxicas baseadas en IA que dean resposta aos desafíos medioambientais máis urxentes.

“O noso obxectivo, explica a investigadora do CITIC, é aplicar algoritmos verdes, ademais de intelixentes, tanto desde o punto de vista do seu deseño como desde a busca de respostas a retos medioambientais concretos, a campos como o da eficiencia enerxética e de recursos, a descarbonización ou a economía circular”.

A intelixencia artificial proporciona unha mellor análise da información e da toma de decisións, o que se traduce nun mellor seguimento das tendencias e impactos sobre o medio ambiente, axudando, por exemplo, a reducir o consumo de enerxía e de recursos ou a promover a descarbonización. Sen embargo, a pesar do gran potencial da intelixencia artificial para dar solucións a estes retos, non hai que perder de vista as ameazas que supón, como o elevado custo enerxético que pode significar a súa construción e a preocupación por cuestións como o potencial consumo eléctrico, que demandarán as TIC no 2030 e outras ferramentas asociadas ao blockchain. “Neste contexto, os algoritmos verdes, estreitamente relacionados con conceptos como smart city ou cloud, estarán dirixidos a mellorar a sustentabilidade e a que as emisións de carbono de internet, e en particular da IA, sexan o máis baixas posible”, aclara Verónica Bolón.

En sintonía coa AESIA

O Plan Nacional de Algoritmos Verdes forma parte do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, da Axenda España Dixital 2026 e da Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial, cuxo obxectivo é promover o desenvolvemento da IA, sentando así as bases para a creación dun ecosistema de excelencia que alberga a investigación científica e a innovación, o desenvolvemento de competencias e talento, o despregamento de plataformas de datos e infraestruturas tecnolóxicas, a súa integración no tecido económico, o fomento do seu uso no sector público e o establecemento dun marco ético e normativo.

A este respecto, o obxectivo principal da futura Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA), con sede na Coruña, é a regulación dos aspectos éticos relacionados co uso da IA en diferentes sectores. “O noso proxecto, apunta Verónica Bolón do CITIC, casa perfectamente coas directrices da Axencia ó procurar que a IA sexa o menos agresiva posible co seu contorno”, un dos propósitos do organismo de control en relación co aproveitamento responsable da IA.

Sobre o CITIC

O CITIC é un centro de investigación que potencia o avance e a excelencia en I+D+i aplicada ás TIC, creado en 2008 pola Universidade da Coruña. A actividade científica do centro estrutúrase en catro áreas de investigación principais: Intelixencia Artificial; Ciencia e Enxeñaría de Datos; Computación de Altas Prestacións; e Servizos e Redes Intelixentes, e unha área de investigación transversal a todas elas: a de Ciberseguridade.

Na actualidade, o CITIC está acreditado como Centro de Investigación de Galicia. A acreditación, estruturación e mellora do CITIC está cofinanciada pola Xunta de Galicia e a Unión Europea no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020, co obxectivo temático de promover o desenvolvemento tecnolóxico‚ a innovación e unha investigación de calidade.

Un dos obxectivos do CITIC pasa por poñer ao alcance da sociedade os resultados das súas investigacións, polo que o centro promove accións de ciencia cidadá e actividades divulgativas que potencien as vocacións científicas e garantan a renovación do talento no ámbito das TIC.
Universidade da Coruña