Skip to main content

Unha mostra repasa a vida e traxectoria de Juana de Vega con motivo do 150 aniversario do seu falecemento

A mostra itinerante sobre a súa vida e traxectoria abrangue dende o seu nacemento en 1805 na Coruña ata o seu falecemento en 1872 nesta mesma cidade.

A vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, destacou no acto inaugural que “é un orgullo reivindicar a figura de Juana de Vega”. “Estamos recoñecendo a través dela a moitas contemporáneas que non tiveron as mesmas oportunidades”, matizou. Nesta mesma liña, pronunciouse Xosé Ramón Veiga, comisario da mostra, ao subliñar que “estamos a facer xustiza histórica”, en relación ás diferentes homenaxes coas que a USC rendeu tributo nos últimos anos a figuras como Concepción Arenal, Emilia Pardo Bazán e agora Juana de Vega. O comisario lembrou que a mostra serve de acompañamento á biografía de Juana, recentemente publicada, e que leva o mesmo título da exposición. Pola súa parte, Enrique Sáez, presidente da Fundación Juana de Vega, aproveitou para poñer en en valor o patrimonio que alberga a Fundación; mentres que Luísa Muñoz, directora da Cátedra Juana de Vega, lembrou que, de xeito paralelo á mostra, desenvolveranse diversos relatorios que servirán para enriquecer a traxectoria reflectida na mostra.

Itinerante

A exposición, que iniciou o seu percorrido na cidade da Coruña e que chega agora a Compostela, rotará por outras cidades de Galicia, recalando tamén en Monforte de Lemos, terra da nai de Juana de Vega, e en Mondoñedo, de onde era orixinario o seu pai. Na mostra, distribuída en 18 paneis, percórrense as andanzas da súa familia, a guerra e a política de principios do século XIX, o seu casamento co heroe da Guerra de Independencia, Francisco Espoz y Mina, e o seu casamento; tamén o exilio, os ataques sufridos polo militar navarro e a súa morte, que a converten na “viúva eterna”. Mais isto non foi óbice para que desenvolvese a súa faceta humana e intelectual ao longo dos anos: dende a súa función como aia da Raíña Isabel II ata a fundación de hospitais e hospicios ou a súa influencia nos círculos de poder para acadar o seu horizonte de axudar os máis necesitados.

A Asociación de Señoras, o Hospital da Caridade, o Asilo da Mendicidade e a Casa da Misericordia son algunhas das institucións que contribúe a crear e, sobre todo, manter. Juana tamén participou activamente nas iniciativas políticas liberais que se deron na cidade herculina e Galicia. Polo seu parladoiro da rúa Real pasaron políticos, xornalistas e intelectuais. Persoeiros como José Pardo Bazán, Vicente Alsina, Hipólito Otero, Montero, Telinge ou Arias Uría atopábanse entre as súas amizades. A súa implicación, sempre informal, no manexo das decisións políticas que afectan os progresistas herculinos continúa como mínimo ata 1868, mais tamén os seus contactos con figuras relevantes do partido a nivel estatal, en especial con Salustiano Olózaga.

Foi considerada como unha heroína pola súa loita contra o cólera, unha das doenzas máis mortíferas do século. Tamén destacou na defensa da memoria do seu defunto marido, preservando o seu legado e protexendo o seu recordo. Juana morre o 22 de xuño de 1872 con 67 anos. Deixa un testamento detallado e sistemático. As súas últimas vontades inclúen o repartimento ben ordenado dos seus bens entre familiares, amizades moi queridas e diferentes institucións. A exposición remata cunha referencia á Fundación Juana de Vega, que foi constituída por vía testamentaria co obxectivo de crear unha escola teórico-práctica de agricultura na casa de verán en San Pedro de Nós en Oleiros (A Coruña).

A mostra, organizada pola Fundación Juana de Vega, conta co patrocinio da Consellaría de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, e a colaboración da Cátedra Juana de Vega da Universidade de Santiago de Compostela, e máis dunha vintena de institucións públicas e privadas, desde museos a arquivos ata centros de documentación e bibliográficos.

Relatorio de Marta del Moral

De xeito parello á mostra, a Cátedra Juana de Vega do departamento de Historia da Facultade de Xeografía e Historia da USC desenvolve varias actividades con motivo da conmemoración do 150 aniversario da morte de Juana de Vega. Así, Marta del Moral, profesora de Historia da Universidade Complutense de Madrid impartirá no salón de actos do Consello da Cultura Galega o relatorio ‘La construcción de un proyecto igualitario: la movilización de las mujeres en España (1868-1931)’. Esta conferencia ofrece un panorama xeral da mobilización política das mulleres de España dende as primeiras experiencias de militancia republicana nos anos do Sexenio democrático (1868-1874) ata a proclamación da Segunda República en 1931.

A sesión terá lugar o 16 de febreiro, ás 18.30 horas, e pretende trazar un percorrido cronolóxico en torno ás axendas das mulleres que militaron en partidos, sindicatos e outras asociacións. O obxectivo é identificar as súas reivindicacións dende a súa incorporación a proxectos políticos preexistentes, a partir dunha achega dende o rol que a sociedade lles asignaba como mulleres, ao desenvolvemento dunhas motivacións propias en iniciativas integradas nas mesmas culturas políticas ou de forma independente.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)