Skip to main content

A Nerd Nite de febreiro profundará nos datos, na orixe da electrónica galega e na toponimia

‘Stat Wars: a rebelión dos datos’ é o título do relatorio que impartirá Vicente Lustres Pérez, CEO e cofundador de Biostatech, empresa de consultaría en bioestatística e estatística aplicada creada por especialistas e investigadores con experiencia na aplicación de métodos estatísticos en Ciencias da Vida e a Saúde. Lustres Pérez é doutor en Bioloxía e ten un mestrado en Estatística Aplicada.

A continuación, será a quenda de Daniel Seijas, doutor en Historia Contemporánea, quen falará dos irmáns Portela, ‘creadores do magnetófono galego e pioneiros da electrónica en Galicia’, tal e como indica o título da súa charla.

Finalmente, o coordinador da Unidade Técnica de Toponimia do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega, Vicente Feijoo Ares, abordará na súa intervención ‘Galicia nomeada’, plataforma colaborativa para a recolleita, xeorreferenciación e difusión da microtoponimia galega e de toda a tradición oral asociada a ela. ‘Galicia Nomeada: na procura dos nomes da túa terra’ será o título do seu relatorio.

As Nerd Nites naceron hai anos en Estados Unidos, unha proposta orixinal á que se sumou Santiago de Compostela en 2012, sendo a primeira cidade española en facelo e que o pasado ano cumpriu o seu décimo aniversario.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)