Skip to main content

Tatsuya Nakada, un dos maiores expertos internacionais en experimentos de física de partículas, visita a USC

O IGFAE, centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, convidou a Tatsuya Nakada a Compostela con motivo da defensa da tese do investigador predoutoral do IGFAE, Marcos Romero Lamas.

Tatsuya Nakada chegou nos anos 70 ao CERN para realizar a súa tese doutoral e participar na construción do primeiro colisionador protón-protón, o ISR, que preparou o camiño para construír aceleradores posteriores como o LHC. Dirixiu o experimento LHCb do CERN, un dos experimentos principais do LHC dende a súa primeira proposta en 1995 ata o final da súa construción en 2008, sendo considerado o "pai" desta gran colaboración internacional que hoxe está integrada por máis de 1.000 físicos e físicas. Xogou ademais un papel importante en promover a participación da USC no LHCb dende o inicio da proposta, cando comezou a colaborar co profesor Adeva. Na consecución do devandito experimento o IGFAE da USC tivo unha participación importante construíndo o Silicon Tracker, un detector de silicio para reconstruír as traxectorias das partículas.

Despois de dirixir o LHCb durante case 15 anos, presidiu o Comité Europeo de Aceleradores do Futuro, que establece os obxectivos e prioridades para desenvolver os aceleradores de partículas en Europa durante os próximos 50 anos. Na actualidade, dirixe o equipo internacional para o estudo do International Linear Collider (ILC), proposto polo goberno de Xapón, que é un dos aceleradores que se barallan para o futuro, xunto coa proposta do propio CERN.

O Modelo Estándar, a proba

A tese doutoral presentada este luns 27 e na que Nakada foi presidente do tribunal aborda unhas medidas de enorme precisión do ángulo de oscilación materia-antimateria do mesón pesado B, realizadas polo investigador predoutoral Marcos Romero Lamas baixo a dirección de Veronika Chobanova e Diego Martínez. Estas medidas constitúen un dos obxectivos principais do experimento LHCb no seu conxunto e son as máis precisas do mundo ata a data, poñendo a proba a validez do Modelo Estándar da física de partículas. Os resultados serán publicados en breve pola colaboración LHCb.
Universidade de Santiago de Compostela (USC)