Skip to main content

O secretario xeral de Emigración brindou persoalmente e en nome da Xunta todo o apoio ó único irmán dos falecidos en Junín

O Secretario Xeral da Consellería de Emigración, Antonio Díaz Otero, desprazouse ata Mondoñedo, concretamente á parroquia Santa María Maior, onde en compaña do alcalde de Mondoñedo, Luis Rego, e mais da concellala de Emigración do concello mantiveron un encontro con Manuel Villalba Ron, o único irmán dos tres anciáns brutalmente asasinados o pasado xoves na súa casa de Junín na Arxentina.

O Secretario Xeral, quen acudíu en representación do conselleiro de Emigración, Aurelio Miras Portugal- de viaxe estes días na República de Cuba- expresou ó irmán das víctimas a “proximidade e cercanía do goberno galego para todo o que puidera precisar”. A mesma dispoñibilidade prestou o alcalde Luis Rego, quen quedou en transmitir á Xunta as inquedanzas e necesidades que puidera manifesta- lo principal achegado ós falecidos.

Rematado o encontro Díaz Otero apuntou que Manuel Villalba quedaba moi agradecido e con “ánimo sereno, aínda que un pouco aturdido polo grave dos acontecementos”.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Emigración da Xunta de Galicia